A celebración terá lugar do 1 ao 3 de maio en Ribadavia.

 

O Consello Regulador colabora co Concello de Ribadavia na organización da Feira do Viño do Ribeiro. Como primeira actividade desta edición, convócase o Concurso de Carteis que ilustrará a 52ª edición desta cita, declarada de interese turístico.

A convocatoria do concurso fíxose pública o xoves 5 de febreiro, estando dirixida a creativos e artistas de calquera nacionalidade, que deberán presentar obras inéditas orientadas á exaltación do viño do Ribeiro.

O prazo para presentar os orixinais (en formato dixital) remata o vindeiro 23 de febreiro, estando previsto o fallo do xurado e presentación da obra gañadora para o día 26 de febreiro. Concederase un único premio de 1.500 euros ao cartel gañador que outorgará o xurado. Este xurado estará composto por profesionais do mundo da arte e do deseño, estando ademais representados os organizadores: o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e o Concello de Ribadavia.

Todas as obras seleccionadas nunha primeira rolda polo xurado formarán parte dunha mostra que se inaugurará en Ribadavia coincidindo coas datas de celebración da feira. As bases do concurso poden ser consultadas na web www.ribeiro.es.

Outras actividades
Como en anteriores edicións da feira do viño do Ribeiro, o Consello Regulador promoverá unha serie de actividades paralelas á feria. Deste xeito, estará a cargo da organización da Cata Popular, un dos principais atractivos da cita, onde todos os asistentes poderán degustar e premiar cos seus votos aos viños das adegas expositoras.