Beatriz Tejada no pleno

Gonzalo Pérez Jácome chamou “enchufada” a Beatriz Tejada, e esta “tolo” e “retrasado mental” ao voceiro de Democracia Ourensana.

 

Sete horas de debate, 13 mocións , a toma de posesión dun concelleiro novo e un enfrontamento entre PP e DO que se saldou co abandono do pleno por parte dos populares é o balance da sesión plenaria de febreiro no Concello de Ourense.

A xornada comezaba tranquila coa toma de posesión do edil socialista José María García Tejerina, en substitución de Áurea Soto.

Pero xa na primeira moción da mañá, sobre a creación dun espazo de estacionamento para autocaravanas, empezaban os ataques. O voceiro popular, Rosendo Fernández, referiuse ao portavoz de DO, Gonzalo Pérez Jácome como persoa cun «defecto mental», e este lle respostaba que o novo candidato do PP en Ourense é «peor» que o que hai agora. A moción foi aprobada cos votos de PP e BNG e a oposición do PSOE.

No comezo do debate da segunda moción, a de DO para subir os impostos locais aos non empadroados, Pérez Jácome facía referencias persoais á edil popular Beatriz Tejada, á que tachou de «enchufada», e insinou que coñecía cousas da súa vida. Ela, pola súa banda, o interrumpía chamándoo «tolo”, “retrasado mental” e “enfermo”. En solidariedade con Tejada, todo o grupo popular abandonou o salón de plenos, permanecendo ausente durante o debate de todas mocións de DO ao tempo que o BNG pedía ao alcalde que suspendera o pleno.

A moción foi rexeitada por BNG e PSOE, que a cualificaron de “vaga e indeterminada” e con “connotacións electoralistas”. Pérez Jácome defendía que isto xa se estaba aplicando noutros casos, como a gratuidade do bus urbano para parados censados: “la medida que yo propongo ya lo están haciendo y luego el loco soy yo”, dixo.

Os mesmos partidos rexeitaron tamén a outra moción de DO para rebaixar un 25% o imposto sobre vehículos, “unha ocurrencia” para o edil nacionalista Secundino Alonso.

Co regreso do PP ao salón de plenos, debatiuse a moción do BNG para instar á Xunta que dote os medios necesarios para evitar colapsos en urxencias e demoras en atención primaria. Foi aprobada co apoio dos socialistas, que engadiron unha emenda para apoiar as demandas dos pacientes con hepatite C.

Populares, nacionalistas e socialistas aprobaron cos seus votos outra moción do Bloque sobre o Plan de Emprego, aínda que a unanimidade non evitou os reproches cruzados sobre quen tiña a responsabilidade do retraso na súa posta en marcha. DO abstívose.

O BNG voltou levar a pleno unha moción sobre a futura xestión da Praza de Abastos da Ponte, pero o que finalmente se aprobou – só cos votos socialistas- foi a emenda presentada polo grupo de goberno para que sexan os técnicos os que decidan o modelo de xestión máis acaído para o recinto.

Non prosperou a proposta de Democracia Ourensana para unir o barrio da Cruz Alta-A Milagrosa cun ascensor ou escaleiras mecánicas. O que para Pérez Jácome “mejoraría la calidad de vida de las personas” que viven neste barrio, era unha proposta “oportunista y falta de criterio” para a socialista Juana Ageitos, mentres que a nacionalista Ximena González propuña mellorar o transporte público nesta zona para solventar os problemas de accesibilidade. O PP ausentouse de novo do salón de plenos neste punto.

Tanto a moción do Bloque como a emenda do PP sobre a nova concesión do transporte urbano non saíron adiante ao non contar cos apoios suficientes.

E co voto de calidade do alcalde, rexeitouse a proposta do PP para que fosen os membros do grupo de goberno os que pagasen os intereses de demora da indemnización a Proavia á que obriga unha sentenza xudicial. O socialista José Ángel Vázquez Barquero recordoulle ao PP que “os cidadáns terán que pagar 2,5 millóns pola súa culpa, pola mala xestión urbanística que fixeron”.

PP e PSOE aprobaron a moción dos primeiros para mellorar a accesibilidade das persoas discapacitadas e eliminar as barreiras arquitectónicas na cidade.

PSOE e BNG (PP volveu ausentarse) rexeitaron a moción de DO para que se devolvese aos usuarios do pavillón dos Remedios o que pagaron de máis nas primeiras semanas de ano antes da entrada en vigor das novas tarifas para 2015.

E finalmente os socialistas aprobaron en solitario unha moción sobre a regulación da venda directa de produtos primarios ao consumidor final.

En rogos e preguntas, o BNG preguntou ao alcalde polo apoio do Goberno local ao centro especial de emprego de Aspanas Termal e sobre a apertura da Casa da Mocidade, e o PP sobre o expediente da rúa Clara Corral Aller e máis polo transporte metropolitano.