Tanto o centro da cidade como os barrios teñen preparada unha ampla programación para celebrar esta cita.

 A Concellería de Cultura do Concello de Ourense ten en marcha unha gran oferta lúdica para que veciños e visitantes da cidade das Burgas festexen o Entroido 2015.

O sábado 14 o día comezará cun gran xogo de entroido para todas as idades, ás 11.30 na praza Maior, organizado por Amencer. Xa pola tarde, ás 17 horas, haberá actividades para nenos na praza Maior; baile na das Mercedes desde as 21.30; actuación da orquestra Alkar desde as 00.00 horas na praza Maior; e sesión DJ´s na do Correxidor desde as 00.30.

Xa o domingo 15 será o momento do gran desfile de comparsas e carrozas, con saída desde As Lagoas ás 17 horas. Así mesmo, haberá desfile con mascota nas Mercedes ás 17.30 horas; a actuación da orquestra Cinema ás 18.30 na praza Maior, seguida do concurso para nomear ao Rei e Raíña do Entroido ás 19.30; e concerto do grupo ourensán Menagge a Trois na praza de San Martiño a partir das 22 horas.

O luns 16 os nenos serán os protagonistas. Ás 10 da mañá, no local de Asociación Xuvenil Amencer haberá talleres, contacontos e xogos; e ás 17.30 na praza Maior, festa do Entroido Canario. Ademais, haberá na praza das Mercedes un concurso de postres de Entroido (ás 18 horas) e baile desde as 21.30 horas. Xa pola noite, será o turno da sesión DJ´s na praza do Correxidor e a actuación da orquestra Trébol na Maior.

O martes de Entroido a principal actividade tamén será adicada aos máis pequenos da casa. Ás 17.30 na praza das Mercedes haberá animación infantil.

E xa o mércores 18 porase fin a esta celebración con actividades infantís ás 10 no local de Amencer; gran feirón da sardiña, ás 11.30 na praza Maior; e, por último, celebrarase o enterro da sardiña ás 20 horas con saída na praza Maior.

Así mesmo, do venres ao martes o ambiente estará amenizado coa música de numerosas charangas que percorrerán as rúas da capital.

Entroido das Eiroás
Eiroás tamén celebrará, como cada ano, o Entroido cunha programación especial. O sábado 14 festexarán o folión de Entroido; e o día grande será o martes 17, coa voda da Pita ás 13 horas, seguida de xantar, baile e desfile de disfraces, todo amenizado con diversas charangas. Xa ás 21 horas terá lugar a queima do meco.

Entroido de Seixalbo
Seixalbo tamén ten preparadas numerosas actividades para festexar estas datas. O domingo 15 terá lugar o xantar popular no parque da Infesta (ás 14 horas, cun prezo de 15 euros para os maiores e 10 para os nenos).

O martes 17 celebrarase o desfile de comparsas ás 16.30 e haberá baile de disfraces ás 18 horas. Xa pola noite, ás 21 horas, sairán Paquita e Nicanor, os grandes protagonistas do entroido de Seixalbo, polas rúas da localidade. Xa o mércores, o enterro da sardiña ás 22.30 horas constituirá o fin de festa. Ademais, actuarán ao longo dos días diversas charangas e orquestras, e o grupo local Os PerQtores.

Entroido na Ponte
A Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte tampouco se queda atrás na celebración do Entroido. O sábado 14 haberá baile de disfraces ás 23.30 horas.

Pola súa banda, o domingo 15, haberá un gran xantar con carne ao caldeiro, polbo, pan e viño ás 13 horas; espectáculos infantís ás 20 horas e baile popular ás 22.30.  E o luns 16 será o día grande de Frei Canedo; con actos dos cofrades ás 19.30 horas; procesión pola Ponte desde as 20.15; cea para socios ás 22 horas; e baile de disfraces ás 23.30.
Charangas e orquestras amenizarán todas as actividades para que a festa non pare.