Protesta da Plataforma Pro Campus

O colectivo quere evitar que o campus de Ourense saia de novo prexudicado no reparto de novas titulacións.

A Plataforma Pro Campus expresa que non dará por boa unha «Enxeñaría da Auga nin calquera outro sucedáneo específicamente deseñado para allanarlle o camiño electoral a Jesús Vázquez”. Ante o anuncio por parte da Xunta de compensar ao campus de Ourense cunha «enxeñaría potente» tras dicir non ao grao de Enxeñaría Física, e coincidindo co período preelectoral das municipais, a Plataforma Pro Campus anuncia que traballará para anticiparse co obxectivo “de evitar a historia de sempre, de xeito que o campus de Ourense non saia perxudicado unha vez máis”.

Nun comunicado remitido á prensa e asinado por un dos seus membros, o sindicalista Etelvino Blanco, repásase a historia do campus ourensán, recordando como Vigo aglutinou nos anos 90 as licenciaturas de Química e Bioloxía Bioloxía “a costa do peche dos primeiros ciclos destes títulos en Ourense, que viñan funcionando 20 anos”. “A insuficiente compensación a este saqueo na área científico-tecnolóxica foi a implantación dunha Enxeñaría Técnica en Industrias Agrarias e Agroalimentarias e un segundo ciclo en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, títulos sucedáneos no seu ámbito”, sinala Blanco.

Anos despois, a licenciatura de Físicas foi pechada mediante un proceso ilegal, segundo sentenza do TSXG, e Ourense foi compensada “en forma de título sucedáneo coa implantación dun Grao en Ciencias Ambientais”.

Con esta experiencia, a Plataforma Pro Campus non aceptará “que o noso campus continúe a camiñar de saqueo en saqueo acumulando fracaso tras fracaso sen que ningunha das nosas autoridades (locais, universitarias e autonómicas) faga nada digno de mención por evitalo”. Por iso, afiman que non se moverán “un só milímetro da posición que vimos mantendo dende hai case tres anos, a saber, reivindicar na forma dun Grao en Enxeñaría Física a recuperación dos estudos de Física que nos foron arrebatados ilegalmente en 2009”, conclúen.