Nunha xornada participativa celebrada esta fin de semana «marcada pola xenerosidade e a inclusión de todas as sensibilidades».

 

Ourense en Común é o espazo de confluencia cidadá de cara ás eleccións municipais de maio de 2015. Nel participa cidadáns, persoas vinculadas a movementos sociais e partidos políticos que pretenden «transformar a acción de goberno municipal dándolle por fin o protagonismo á xente do común».

O pasado sábado case un cento de persoas achegáronse ao Centro Cívico da Ponte nalgún momento do día para participar na construción do regulamento de primarias do que resultará a candidatura cidadá para as próximas eleccións municipais do mes de maio. Durante máis de 8 horas, nun ambiente que desde Ourense en Común definen como «marcado pola inclusión e participación activa», debatéronse todas as arestas posibles para garantir unha candidatura fiel á filosofía de Ourense en común «asentada en tres piares básicos pero fundamentais: transparencia, participación e horizontalidade».

Este novo modo de facer política pretende ser «un pulo de aire fresco para a cidadanía na viciada atmosfera da institución municipal» e busca a inclusión e participación activa do máximo número de cidadáns. Así foi que «texto por texto e palabra por palabra, cambiouse por consenso plural todo o que podería levar a dúbidas, tanto de intencións futuras como de compromiso de goberno».

A xornada foi retransmitida en directo por internet e pode visionarse novamente dende as redes sociais de Ourense en Común. O texto resultante será presentado publicamente para a consulta de calquera persoa interesada na súa web a partir do martes.

Ourense en común decide hoxe en asemblea a forma xurídica para presentarse ás eleccións municipais de maio