As subvencións permitirán a execución de accións para a mellora da paisaxe, o mantemento das condicións ambientais ou a recuperación de especies.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica, a través do Diario Oficial de Galicia, a resolución pola que se fan públicas a adxudicación de axudas a actividades, actuacións ou medidas de concellos incluídos na Rede Natura 2000. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza concedeu unha subvención a 126 concellos, o que se traduce nun investimento de 2,29 millóns de euros.

Á provincia de Ourense destínanse 560.000 euros que se repartirán entre 29 concellos. Estas axudas permitirán a recuperación do abrevadeiro e valo en Paradela de Abaixo, no concello de Manzaneda; traballos na contorna do Castelo Grande na parroquia de Santigoso, na Mezquita, e o acondicionamento e mellora de uso público dunha ruta no Cañón do Sil- Santa Cristina, en Parada do Sil.

Cómpre recordar que o obxectivo destas subvencións é colaborar cos concellos na execución de accións que permitan a mellora da paisaxe, o mantemento das condicións ambientais ou a recuperación de especies historicamente relacionadas coa actividade agraria en zonas da Rede Natura 2000. Tamén é finalidade deste programa de axudas, cofinanciado con fondos FEADER, a conservación e restauración de elementos históricos patrimoniais ou culturais representativos da paisaxe agraria tradicional coa finalidade de incrementar nas explotacións agrícolas, o valor de recreo público das zonas Natura 2000.