En asamblea decidiuse optar pola fórmula xurídica de partido político fronte agrupación de electores e coalición de partidos.

 

As persoas participantes na asemblea deste luns debatiron a fórmula xurídica coa que o proceso cidadán afrontará o as vindeiras eleccións, un tema central que condiciona que a candidatura cidadá poida optar tamén á representación na Diputación Provincial.

Ourense en Común tiña tres opcións lexislativas que ofrece o ordenamento xurídico para comparecer as eleccións municipais: agrupación de electores, partido político e coalición de partidos. Malia que a fórmula de agrupación de electoras podería semellar a máis acaida co espíritu co que naceu a plataforma cidadá Ourense en Común, a asamblea valorou os inconvintes, fundamentalmente, de tipo práctico. A deficiente regulación normativa deste instrumento fixo que os participantes a desbotaran. A LOREG fai moi complexa a utilización desta fórmula xurídica, xa que habería que recoller, no caso de Ourense, 1.500 sinaturas en pouco tempo trala convocatoria electoral e baixo unhas condicións legais estrictas, que levarían a dedicar enerxías a este cometido, «enerxías que a esta altura precisamos para preparar axeitadamente o noso programa e afrontar a contenda electoral», indican desde Ourense en Común.

Outro punto que a asamblea tivo en conta para optar pola formación política é que como agrupación de electoral non poderían sumar os votos doutros concellos do partido xudicial de cara a obter unha posible representación na Deputación Provincial de Ourense.

A posibilidade de que Ourense en Común se presentase como unha coalición de partidos foi desbotada porque suporía desvirtuar a natureza coa que naceu Ourense en Común: non converterse nunha mera suma de siglas. Converter a plataforma cidadá unha agregación de partidos preexistentes suporía traizoar o verdadeiro espírito de espazo de confluencia liderado pola cidadanía co que naceu Ourense en Común.

Finalmente, a decisión é que a fórmula xurídica a utilizar para presentar a candidatura de Ourense en Común ás vindeiras eleccións muncipais de maio debe ser a de partido político. Cabe destacar o feito de que a constitución como partido político é só mero instrumento para concorrer ao proceso electoral.

Na proposta de goberno que Ourense en Común presentará na vindeira convocatoria, esixirán xeitos de control político que poñan o futuro grupo municipal e o Concello de Ourense ao servizo e ás ordes da cidadanía, obrigas de transparencia e rendición de contas que faciliten o labor de control sobre o grupo muncipal. A prioridade desta formación será implementar medidas concretas de carácter institucional para impulsar dende o goberno municipal de Ourense un novo xeito de gobernar a cidade: democrático, horizontal e participativo, no que a cidadanía teña sempre a última palabra.