Previsel en Expourense

O Salón da Prevención e Seguridade Laboral abriu as portas da súa 10ª edición en Expourense presentando unha cita que contribúe a facer visible o traballo realizado por administración, patronal, sindicatos e traballadores para implantar a cultura da prevención na sociedade e para loitar contra a sinestralidade laboral.

O salón está a presentar un programa de máis de 50 actividades que inclúen conferencias e obradoiros especializados dirixidos a determinados colectivos como o persoal sanitario, os viticultores ou os traballadores do granito, entre outros.

Este cita foi inaugurada pola directora xeral de Traballo e Economía Social, Carmen Bouso, quen incidiu na necesidade de actuar no sector primario, xa que “en Galicia, os riscos laborais e a súa prevención na agricultura e na gandería son importantes porque se trata dun sector moi importante histórica, económica e socialmente e, en concreto, no caso dos traballos nas viñas –que un dos sectores de maior dinamización económica en Ourense–, polo feito de que se faga en condicións difíciles polo abrupto do terreo”. Vencellado con isto, o ISSGA impartiu un seminario sobre a prevención de riscos en viña, que foi seguida por máis de 60 profesionais do sector. Este mércores será a quenda da prevención no granito.

A actividade con maior repercusión na primeira xornada de Previsel foi sen dúbida o simulacro de ameaza de bomba con incendio con feridos, durante o que se evacuou o recinto feiral e no que participaron coordinada dun cento de efectivos da Policía Nacional, Local, Bombeiros, Protección Civil, 061, 112 e AXEGA.

As actividades celebradas durante esta primeira xornada de Previsel foron seguidas por un importante número de asistentes e practicamente todas completaron o aforo como foi o caso dos obradoiros organizados por TESGALICIA dirixidos a persoal sanitario, as charlas sobre primeiros auxilios de Cruz Vermella e os obradoiros de riscos eléctricos e de mobilidade de pacientes impartidos por FREMAP. Tamén foron moitos os que quixeron probar o simulador de cinto de seguridade en caso de accidente, exposto, e que explica os riscos que se corren se non se leva o cinto colocado, aínda que se circule a baixa velocidade.

Pola súa parte, a Consellería de Sanidade impartiu unha conferencia vencellada coa prevención e o control de enfermidades respiratorias como a gripe ou a lexionelose, ademais de organizar actividades permanentes como medicións antropométricas e cooximetrías co obxectivo de reducir o risco de obesidade ou de adicción ao tabaco que chamaron a atención dos visitantes.

Xa dentro da superficie expositiva, un dos stands máis visitados foi a exposición de equipos da Policía Nacional nas que participan as unidades de Guías Caninos, TEDAX_NRBQ, Policía Científica, Unidade de Intervención Policial e “Subsuelo”. O obxectivo é que os visitantes do salón coñezan os medios de protección cos que contan para poder actuar en caso de auxilio ou preventivo en situacións de risco. Esta exposición compleméntase co Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias que nesta edición estrea un dron. Trátase dun vehículo dotado das máis modernas tecnoloxías, capaz de coordinar a todas as forzas ante calquera situación de emerxencia ou salvamento.

En total, o salón conta con 44 expositores procedentes de Galicia na práctica totalidade e destacando a presenza en feira de distintas asociacións e federacións sectoriais, sindicatos e distintos servizos de seguridade e emerxencia.