Entrega títulos parcelaria Porqueira

Esta concentración parcelaria supuxo a reorganización de máis de 849 hectáreas, pasando de 8.603 a 1.479 predios, pertencentes a 459 propietarios.

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, entregaronos títulos da concentración parcelaria da zona de Sobreganade, no concello ourensán de Porqueira, que supuxo a reorganización de máis de 849 hectáreas.

O director xeral destacou que, coa finalización da concentración parcelaria de Sobreganade, o concello de Porqueira ten algo máis do 50% da súa superficie concentrada, o que servirá para impulsar o sector agrario da zona. Tamén destacou a importancia de que as fincas se traballen, non só para un beneficio económico senón tamén pola prevención do risco de incendios. Antonio Crespo sinalou que, no caso de que os donos das fincas non puideran traballalas eles mesmos, o Banco de Terras de Galicia é unha opción para que os particulares poidan poñer en valor as súas terras, garantindo a seguridade da propiedade e, no caso de ser arrendada, o cobro dos prezos de referencia da renda; así como a devolución das fincas en bo uso agrario.

Coa entrega destes títulos ponse fin ao proceso concentrador da propiedade, que reduciu as 8.603 parcelas existentes inicialmente a tan só 1.479 fincas, pertencentes a 459 propietarios. Esta reorganización permitiu mellorar e modernizar as explotacións agrícolas, crear e mellorar as vías de comunicación e de acceso ás novas fincas, axudar a previr os incendios forestais e aumentar o valor da base territorial.

Os traballos realizados na zona concentrada supuxeron un investimento de 2,2 millóns de euros, dos cales a meirande parte corresponden á execución das obras na rede de camiños e ao acondicionamento das novas fincas. Neste sentido, este proceso concentrador permitiu o acondicionamento de 47,75 quilómetros da rede de camiños.