Nava Castro no albergue de Xunqueira de Ambía

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada polo alcalde de Xunqueira de Ambía, Jose Luis Gavilanes, e o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, visitou o resultado das obras de reparación e mellora do albergue público de peregrinos de dito concello ourensán.

 

As obras estiveron encamiñadas a mellorar a habitabilidade do albergue debido a que nas zonas comúns se alcanzaba en verán unha temperatura moi elevada. Desta forma, o albergue mellorou as súas condicións de acollida e ventilación.

A actuación consistiu concretamente na instalación dunha celosía corredoira de apertura e peche manual, para deste xeito tamizar a luz entrante, a substitución dunha ventá fixa na fachada noroeste, por unha practicable, e a execución de goteróns nas ventás da fachada, uns elementos constritivos que teñen como misión impedir a escorrentía da auga da chuvia.

Así mesmo, leváronse a cabo accións de mantemento relativas á reparación do solado das habitacións, á instalación eléctrica e á OCA -Revisión Organismo de Control Autorizado-.

Con estas obras preténdese mellorar a calidade das instalacións para que todos os albergues da rede pública do Camiño de Santiago cumpran uns niveis de calidade axeitados.

Máis de 1.900 pernoitas no 2014
Situado na Vía da Prata, o albergue de Xunqueira de Ambía foi inaugurado no ano 2000 e, tras a súa reforma no ano 2009, conta cun total de 24 prazas.

Este albergue pertencente á rede pública da Xunta de Galicia e xestionado polo concello de Xunqueira de Ambía, rexistrou, no pasado ano, un total de 1.924 pernoitas das 21.337 rexistradas nesta ruta xacobea.

A Vía da Prata conta con doce albergues dentro da rede pública – A Gudiña, Verín, Laza, Viladerrei, Vilar de Barrio, Sandiás, Xunqueira de Ambía, Ourense, Cea, Lalín, Bandeira e Vedra-, nove deles na provincia de Ourense e tres na provincia de Pontevedra, que ofertan un total de 396 prazas de aloxamento.

No 2014, preto de 8.500 peregrinos escolleron a Vía da Prata para facer o seu camiño a Compostela, o que sitúa esta ruta na quinta máis transitada.