Obras na rúa Vasco Díaz Tanco

De aquí a maio, o Concello de Ourense prevé realizar 40 actuacións incluídas no Plan de Investimentos.

O alcalde de Ourense, Agustín Fernández, a concelleira de Infraestruturas, Juana Ageitos, o edil de Facenda, José Ángel Vázquez Barquero, e os concelleiros do Partido Popular Belén Iglesias e José Luis Valcarce visitaron este mércores as obras de adecuación do firme da rúa Vasco Díaz Tanco, que está a executar o Concello dentro do Plan de Investimentos.

Trátase dunha obra solicitada por parte da veciñanza do barrio da Cuña, que consiste basicamente no fresado e extensión de nova capa de aglomerado para mellorar o estado do firme, que se atopaba deteriorado polo uso. As obras supoñen un investimento de 60.000 euros e estarán rematadas nun prazo dunhas dúas semanas.

A intervención nesta rúa do barrio da Cuña forma parte do Plan de Investimentos que desenvolve o Concello de Ourense, que prevé a execución de intervencións de adecuación e mellora de medio cento de rúas e outros espazos públicos. Segundo precisou un técnico municipal, case todas as reclamacións veciñais que se atenden con este Plan referíanse ao estado do sistema viario da cidade.

Outras actuacións iniciadas

A día de hoxe, o Concello xa iniciou a execución das obras de adecuación do acceso ao campo de fútbol de Velle (57.820), adecuación da rúa Jose Gil (29.520), adecuación da rúa Cantareliñas (59.996) e adecuación da rúa Sánchez de Arteaga (54.100 euros). Nos próximos días comezarán tamén as de adecuación de rúas da Carballeira (Camiño Vello Barbadás, rúa Loureiro e Vázquez Mella, cun importe de 37.734 euros).

A previsión é iniciar cada semana ao redor de catro obras das previstas, agás na semana de Entroido, que non se comezará ningunha. Das actuacións pendentes, está xa adxudicada a execución de obras de adecuación da Finca Cerviño, Camiño do Rouso, Camiño de Cortizo e rúa da Petanca, ampliación e mellora da rede de abastecemento: Santa Cruz de Arrabalado-rúa Priorato, Cardenal Quevedo, no tramo comprendido entre Xaquín Lourenzo e Celso Emilio Ferreiro), rúa Ceboliño a urbanización Monterrei, rúas da Cruz Alta, camiño do Cerquiño, Carballo Calero e tramo da rúa Serra do Eixo, rúa do Campo e pista Vilar de Astrés, adecuación de ramal en Madrosende, adecuación de acceso a Esparreliña, adecuación de curvas da estrada a Paradela, rúa Cruceiro-Beiro, Cantareliña, Xoán de Nóvoa e Xunqueira de Espadañedo, San Tomé, Acibeiro, Bamio e Prado, Amieiro, Nogueira e Rabo de Galo, rúas do Xazmín, do Millo, das Poutigas e Valdegola, Manuel Murguía e Nosa Señora da Saínza. Todas estas obras están xa adxudicadas e suporán un investimento total de 1,1 millón de euros.

En proceso de adxudicación atópanse outros oito proxectos, os de adecuación da rúa do Grupo (Regoufe) e camiño da Pedra-Velle, adecuación de rúa Vera Real, rúa Curro e camiño de Riazón-Seixalbo, rúa Albaredo, adecuación do camiño do Sobreiral, camiño Vagalume e accesos Cacabelos-Untes, adecuación das rúas das Mimosas e Monte Pilo, do camiño da beira do regato, en Eirasvedras, a adecuación da rúa Escura-Tarascón e do Pombal, e adecuación da rúa compositor Anxel Barxa. Todas elas teñen un importe conxunto de 356.340 euros.

O Concello agarda ter rematado para primeiros de maio ao redor de 40 destas obras.

Rúa Concello

No que se refire á rehabilitación da céntrica rúa Concello, o alcalde dixo que o proxecto está xa a punto de ser presentado para a súa aprobación en Xunta Goberno Local e que logo sairá a concurso, o que demorará entre tres e catro meses o inicio das obras.

A concelleira popular, Belén Iglesias, recordou que foi grazas ao apoio do seu partido que o Plan de Investimentos se aprobou e considerouno “una forma de actuar en positivo desde el gobierno y también desde la oposición”.