A militancia da formación aproba por unanimidade apoiar á iniciativa de confluencia popular Ourense en Común.

Segundo indican nun comunicado, Anova – Irmandade Nacionalista «leva meses apostando clara e publicamente polas candidaturas de unidade popular ao longo do país, xa sexa por medio dos seus voceiros nacionais Martiño Noriega e Xosé Manuel Beiras, como na propia cidade das Burgas coa participación a título individual das e dos militantes de Anova Ourense, desde o primeiro momento, da iniciativa cidadá Ourense en Común».

Militantes de Anova teñen participado na redacción diferentes textos como o Regulamento para unhas primarias cidadás ou o Regulamento de Participación e Código ético, de Ourense en Común. Agora a asemblea local de Anova Ourense decidiu, por unanimidade, o apoio á candidatura cidadá Ourense en Común.

Anova Ourense opta así «pola participación plena, e baixo o principio de adscrición individual, na iniciativa popular, na que se traballa para conseguir a confluencia de todo o espectro rupturista da sociedade ourensá, xa sexa organizada ou non organizada politicamente». «Este xesto non fai máis que afianzar o compromiso de Anova Ourense coa cidade que lle da nome, e espera que esta alternativa ampla sexa quen de empoderar a xente do común que habita o concello de Ourense», continúa o comunicado desta formación política.

Desde Anova Ourense comparten os principios de transparencia, participación e horizontalidadede  Ourense en Común e consideran que esta esrá a fórmula «que dea un xiro de 180º á xestión dun concello que fica paralizado e sen ideas».

Anova – Irmandade Nacionalista de Ourense ten esperanza de que outras forzas «que a día de hoxe non están a participar pero que comparten eixos programáticos con Ourense en Común dean un paso valente cara a creba e antepoñan o interese xeral da cidadanía ao particular das súas cúpulas dirixentes».