O Secretario Xeral do Deporte, José Ramón Lete Lasa estivo en Ourense na xornada do xoves. Lete Lasa salientou que están a traballar para adecentar o estadio do Couto.

O Secretario Xeral comentou que ían acometer obras no estadio para levar alí as federacións deportivas da cidade. Segundo Lete Lasa, a Xunta vai invertir 150.000 euros no campo de fútbol do Couto. Lete Lasa recordou que o Couto e o estadio de Lugo -este ten unha concesión ao CD Lugo- son os únicos de Galicia que ten a Xunta en propiedade.

A pesar de que o convenio entre Deputación, Xunta e Concello non está asinado, o Secretario Xeral afirmou que hai boa sintonía por todas as partes.

Tamén asegurou que para a vindeira campaña os únicos equipos que poderán usar asiduamente (coma inquilinos) O Couto serán a UD Ourense e o Ourense CF, pechando as portas a unha posible solicitude de terceiros clubs. Si que está aberto a que algúns equipos o soliciten puntualmente.

Lete Lasa deixou ver que o seu desexo é que no futuro utilice o templo do fútbol ourensán un equipo, esperando que ese equipo xurda da unión entre a UD e o Ourense CF. O presidente da UD Ourense, Modesto García asegurou que «iso será imposible», e o justifica dicindo que «o equipo de Oira ten un dono, mentres que a UD Ourense ten 380», polo que son dous clubs con formas de actuar «totalmente opostas».