O concello ourensán recupera os cartos cobrados indebidamente pola empresa eléctrica durante cinco anos pola enerxía reactiva.

Final feliz para a reclamación do Concello de Vilar de Santos fronte a Gas Natural Fenosa para que a empresa eléctrica lle devolvera o cobrado de maneira indebida durante cinco anos. En total, 45.949 euros xa ingresados na conta municipal e sen necesidade de ir a xuízo.

O alcalde, Xan Jardón, destacaba que a devolución destes fondos proba que “tiñamos razón; reclamamos e demostramos esta fraude” e ademais “fixémolo por nós mesmos”, baseándose nun informe técnico “do que non se puxo un céntimo en discusión”.
Nin o departamento de Consumo da Xunta de Galicia, nin os grupos parlamentarios nin a Fegamp botaron unha man a Vilar de Santos nas súas reclamacións, só “os veciños, os funcionarios e Compromiso por Galicia”, apuntaba o rexedor. Agora, Jardón esíxelle ao Instituto Galego de Consumo “que nos conteste por escrito” á reclamación aberta no seu día por este asunto, e ao presidente da Xunta “que lle esixa a Fenosa unha compensación a Vilar de Santos e ao resto de concellos galegos”.

O Concello de Vilar de Santos estuda tamén reclamar á empresa eléctrica os intereses legais da débeda xa cobrada.
Jardón deu conta desta noticia nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo seu tenente de alcalde Antonio Míguez, e polo coordinador provincial de CxG, Xosé Manuel Pérez Bouza, quen destacou o “tesón” e “valentía” de Vilar de Santos que rematou gañándolle “o pulso a unha multinacional”.