Trátase dunha proba contrarreloxo de 3 quilómetros de percorrido, con saída xunto ao cemiterio de San Francisco e meta na urbanización “Montealegre”.

Esta é unha nova actividade que se une ás manifestacións deportivas de carácter popular no municipio. O Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense organiza a primeira “Subida a Montealegre”, unha carreira contrarreloxo de percorrido lineal, cunha subida de 3.000 metros, que se celebrará o 22 de marzo.
En total son 78 os inscritos nesta primeira edición.

A saída terá lugar ás 11 horas na rúa Fonte dos Caños -xunto ao cemiterio de San Francisco- e meta na estrada de Montealegre, xunto á urbanización do mesmo nome.

A subida ten unha pendente máxima dun 24,9% e unha media de 9,4%, poderán participar persoas maiores de 18 anos, cun sistema de saída individual ou por tandas, en función do número de participantes.

Modalidades de participación e premios

Haberá tres modalidades de clasificación: clasificación individual por tramos de idade, individual absoluta e equipos mixtos. A individual por tramos de idade será Súper (nados entre 1997 e 1981), Mega (entre 1980 e 1961) e Plus (antes de 1960). Os equipos mixtos estarán formados por catro integrantes con representación de ambos sexos, sumándose os tempos netos de todos os membros do equipo.