Cinco dos once concellos da comarca lograron reducir o paro a dobre díxito (baixadas superiores ao 10%) en 2014.

A cuarta parte das empresas ourensás do subsector alimentario dos vexetais e derivados están afincadas na Limia. Solo a comarca de Ourense, e por estreito marxe, logra un peso relativo máis alto nese grupo de actividade, no seu caso co 26,2% do total provincial. O seguinte rexistro corresponde a Verín, co 18%, e para detectar a cuarta mellor contribución xa hai que descender ata o 9,5% que aporta Valdeorras.

Estes datos foron divulgados na presentación comarcal do Observatorio Económico da Deputación Provincial realizada no Concello de Xinzo de Limia. José Manuel Rodríguez, xerente do INORDE, precisou que o epígrafe de vexetais e derivados inclúe as hortalizas, froitas, cogomelos, tubérculos e legumes, así como os seus derivados.

Outro dato comarcal que deu a coñecer o Observatorio Económico é que A Limia ten un censo de 105 empresas que interveñen en algunha das fases de produción primaria da cadea alimentaria, o que exclúe ós establecementos que venden ou serven produtos alimenticios ao consumidor final. A maior parte son polo tanto empresas produtoras ou industrias agroalimentarias.

A comarca da Limia acada un peso relativo do 7,1% sobre o total provincial de sociedades que interveñen na cadea alimentaria, pero presenta hexemonía en varios subsectores. Á citada participación do 25% nos vexetais e derivados engádese tamén unha aportación provincial do 25% en oleaxinosas e graxas comestibles, do 17% en bebidas non alcohólicas e do 7% na distribución e loxística (almacenistas, distribuidores e plantas envasadoras). Ademais, conta coa única firma da provincia dedicada ao subgrupo dos condimentos e especies.

Melloría laboral
O Observatorio Económico Ourensán identifica A Limia como a terceira comarca con máis alta velocidade da recuperación do emprego da provincia. O seu mercado de traballo creceu un 1,3% no ano 2014, só lixeiramente por detrás das comarcas de Ourense (1,7%) e Allariz-Maceda (1,6%). A súa oferta laboral conxunta consolídase por enriba dos 6.100 postos de traballo, dos que 3.225 se concentran no municipio de Xinzo de Limia.

O ano pasado, cinco concellos da comarca conseguiron xerar emprego neto, entre eles a cabeceira -Xinzo de Limia-, cunha rexeración laboral do 1,7%. Os outros catro foron Os Blancos (8,7%), Vilar de Santos (6,5%), Sarreaus (2,3%) e Rairiz de Veiga (1%). Pola súa parte, Porqueira mantivo intacto o seu mercado de traballo.

Así mesmo, a diminución do paro acadada no ano 2014 achegouse ao 10% de media comarcal, pero en cinco concellos da Limia houbo descensos ainda superiores. Foron os casos da cabeceira Xinzo de Limia, cun recorte do 10,5%, e dos municipios de Vilar de Barrio (-17%), Rairiz de Veiga (-16%), Vilar de Santos (-15%) e Baltar (-13%).