Showcooking en Xantar

Por primeira vez haberá dúas aulas gastronómicas con exhibicións de cociña en directo nas que participarán recoñecidos chefs galegos, portugueses e costarricenses.

Máis de 100 actividades que apostan pola profesionalización do sector hostaleiro e que promocionarán a gastronomía sostible e saudable poñendo en valor ademais a calidade dos produtos agroalimentarios e do mar de Galicia, Portugal e Costa Rica. Isto é o que ofrece o programa do 10º Encontro Ibérico sobre Dieta e Saúde que se celebra no marco de Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico que terá lugar en Expourense entre o 4 e o 8 de marzo. Este programa de actividades incluirá tanto conferencias de expertos como exhibicións de cociña en directo, ademais de catas comentadas e degustacións.

Costa Rica
Como país convidado, Costa Rica tamén será protagonista no programa de actividades. Entre outras, a súa participación incluirá o Obradoiro-Degustación “A Gastronomía Costarricense, innovación con identidade propia”; que terá lugar a xornada inaugural e estará impartido polo chef Luis Guillermo Castro, responsable do menú do restaurante deste país en Xantar. Este chef impartirá tamén na clausura o obradoiro “Costa Rica, Un mundo de sabores”.

Aulas Gastronómicas
Xantar contará por primeira vez con dúas aulas gastronómicas nas que prestixiosos chefs de Galicia, Portugal e Costa Rica farán exhibicións de cociña en directo.

Destaca o completo programa de showcookings organizado pola Consellería de Medio Rural e do Mar que traerá ata Expourense a recoñecidos cociñeiros galegos como Héctor López (Restaurante España de Lugo, un Sol Repsol), Álvaro Villasante (do Paprica de Lugo, un Sol Repsol), Flavio Morganti (do Galileo de Ourense, con dous Soles Repsol), Emma Pinal (Gastrobar O Birrán de Ribadavia) ou José Manuel Mallón (do Dantaño de Ames). Todos eles impartirán obradoiros con produtos de calidade galegos que cada día (ás 13.00 h.) serán maridados cos viños dunha das cinco Denominacións de Orixe de viños de Galicia. Estas actividades complementaranse con catas profesionais de viños por exemplo do Ribeiro ou Monterrei, e tamén de Mel e de Queixos con D.O. ou I.X.P. de Galicia.

Pola súa parte, o Grupo Cuevas realizará degustacións diarias nas que dará a coñecer os seus produtos máis novidosos enmarcados nunha alimentación sana e equilibrada. Este programa incluirá ademais obradoiros de cociña con Razas Autóctonas de Galicia, do Cluster Galego da Carne, exhibicións de coctelería e de café.

Outra das entidades que apostou por Xantar para dar a coñecer os seus produtos gastronómicos foi Turismo de Porto e Norte de Portugal cuxas cámaras municipais realizarán no salón un completo programa de showcooking, catas de viños e degustacións.

Haberá ademais actividades dirixidas a públicos concretos como os celiacos, cun showcooking de menús sen glute ou o obraoidro infantil sobre a prevención activa da obesidade.

Concurso Xantar Goumet
O salón organiza o 3º Concurso de cociña “Xantar Gourmet” que naceu co obxectivo de difundir a gastronomía autóctona a través do emprego de materias primas galegas de calidade e produtos gourmet, transformándoos en pratos tradicionais ou innovadores. Este concurso divídese en dúas categorías: profesionais e afeccionados. Os concursantes deberán preparar unha receita que conteña un produto gourmet galego e dous produtos de calidade de Galicia.

Conferencias
Xantar será o espazo elixido para dar a coñecer o programa “ComeOurense” promovido pola Concellería de Medio Ambiente de Ourense e que fomenta a agricultura ecolóxica en terreos sen outro uso. Organizarán varias actividades, a primeira delas a conferencia inaugural impartida pola experta Marianne Karstens, a experta en Gastronomía da rede europea de cidades URBACT «Sustainable Food in Urban Communities», da que Ourense é a única cidade española membro. Esta conferencia complementarase cun obradoiro de cociña de productos quilómetro cero deste proxecto.

Pola súa parte, a Concellería de Turismo de Ourense presentará neste foto a marca “#saboresdeourense” e o Concurso de Pinchos Primavera 2015.

Por outro lado, a Consellería de Sanidade organizará unha mesa redonda sobre nutrición e seguridade alimentaria na que presentará o Plan Xermola para prevención da obesidade infantil; a Guía de orientación para comedores escolares e a Información sobre alérxenos.