Presentación Observatorio Económico en Valdeorras

Concentra o 75% dos produtos minerais e o 40% das industrias extractivas, enerxéticas e hidráulicas, segundo datos do Observatorio Económico da Deputación.

A presentación das conclusións do Observatorio Económico da Deputación de Ourense realizada no Barco de Valdeorras, coa asistencia de alcaldes, técnicos de emprego, empresarios e axentes sociais, revelou que esta comarca impulsa un de cada cinco empregos industriais existentes no conxunto da provincia. En concreto, Valdeorras xera o 18,3% de todo o emprego industrial da provincia. Trátase de lonxe da segunda maior contribución, só por detrás da que asina a comarca de Ourense, co 52,8%.

No acto, o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, detallou que a fortaleza industrial de Valdeorras débese a dous subsectores moi concretos que teñen como nexo común a lousa. O de produtos minerais non metálicos, no que se encadra a transformación da lousa, impulsa un total de 1.400 empregos industriais, que equivalen xustamente á metade de todo o emprego industrial da comarca (50,2%) e ao 9,2% dos 15.500 postos do total da provincia.

E a segunda rama na que sobresae Valdeorras é a das industrias extractivas, a enerxía e auga, que engloba principalmente ás canteiras de pizarra e de xeito máis feble ao sector enerxético. De feito, a extracción de lousa move a maior parte dos 668 empregos locais desa rama industrial.

Deste xeito, a contribución do sector da lousa no seu conxunto achégase a ter unha equivalencia do 13% de todo o emprego industrial da provincia de Ourense e do 71% dentro da comarca de Valdeorras.

Ademais, outro dato salientable do Observatorio Económico da Deputación é que o emprego industrial creceu un 5,2% en Valdeorras no período de ano e medio comprendido entre marzo de 2013 e setembro de 2014.

Mercado laboral no seu conxunto

No seu conxunto, o mercado laboral da comarca creceu un 0,2% no ano 2014, co que dá un novo paso para recuperar o nivel dos 8.000 empregos. Con todo, na comparativa coa situación previa á crise ainda acusa un diferencial negativo do 18,8%. No desglose por municipios, A Veiga cun crecemento neto de emprego do 7,2% e o Barco de Valdeorras co 2,2% conseguiron as mellores evolucións do mercado de traballo.

Cambio de tendencia no paro
Entre as conclusións do Observatorio Económico Ourensán tamén salienta a que identifica a inversión lograda por Valdeorras no último ano e medio, período no que pasou de ser a comarca ourensá con maior incremento do paro a convertirse nunha das tres -e en moitos trimestres na primeira- con máis forte redución provincial do número de parados (descenso do 10,1% en taxa interanual).