Cartel das Xornadas de Igualdade de Allariz

Baixo o lema “Quen non embarca, non se marea… Do poder sobre, ao poder con…” foi presentada, esta mañá, unha nova edición das Xornadas para a Igualdade, que se celebrarán en Allariz do 8 ao 27 de marzo.

 

As Xornadas para a Igualdade xiran ao redor da conmemoración do Día Internacional da Muller, celebrado o 8 de marzo, co obxectivo de “visibilizar a situación de desigualdade das mulleres e reflexionar sobre ela” como explicaba a concelleira de Benestar Social, Pilar Gallego.

A undécima edición das xornadas centra a atención no poder, o empoderamento e o liderazgo “para cuestionar o modelo existente e intentar transformalo xa que afecta a todas as relacións persoais” explicaba Ana Cardoso, técnica de Igualdade. E baixo esta reflexión xira a programación que terá lugar en Allariz durante o mes de marzo combinando divertimento, reflexion e aprendizaxe.

Dende o 8 ata o 27 de marzo desenvolveranse, en diversos espazos do concello de Allariz, actividades como obras teatrais, charlas-coloquio, faladoiros ou obradoiros, entre outros.