A Concellería de Turismo do Concello de Ourense e a Fundación Feiras e Exposicións de Ourense (Expourense) asinaron  un convenio de colaboración para o desenvolvemento e promoción conxunta do turismo en 2015.

As accións principais deste acordo plasmaranse na feira gastronómica internacional Xantar, que se celebrará dos vindeiros 4 ao 8 de marzo, e na que o departamento de Turismo desenvolverá un labor de promoción da cidade de Ourense, contando ademais cun stand propio e un restaurante de 70 metros cadrados denominado #saboresdeourense.

O espazo gastronómico, no que estarán presentes sete dos gañadores dos últimos concursos de pinchos, ofrecerá un menú, o #saboresdeourense, elaborado a partir dunha combinación de pinchos premiados, pulpo e bebida polo prezo de 20 euros. Amáis do menú que se ofrecerá na feira Xantar, a Concellería de Turismo dinamizará a gastronomía local coa promoción de menús variados de diferentes restaurantes da cidade, ampliando a oferta turística para os visitantes.

A sinatura do convenio, na que participaron a titular de Turismo do Concello de Ourense, Mónica Vázquez Blanco, e o vicepresidente primeiro do Comité Executivo de Expourense, Juan Carlos Parada Rúa, servirá tamén para que, entre outras cousas, un grupo de blogueiros especializados en Turismo visiten a cidade a través do “Paquete Avant”, que incluirá un roteiro pola zona histórica e os recursos termais da cidade, e a promoción do “Encontro Ibérico sobre Dieta e Saúde” e da Sociedade Gastronómica Internacional Chaîne des Rôtisseurs Bailiato Nacional de España.

O convenio ten unha vixencia anual e compromete as dúas institucións a unha promoción conxunta das actividades a prol do Turismo e o desenvolvemento de todos os recursos que nel poden intervir ao longo do ano.