Restaurante en Xantar

En Xantar 2015 están presentes 17 restaurantes de Galicia, Castela e León, Portugal e Costa Rica.

A 16ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico conta con 17 restaurantes presentes, que ofertarán ata o domingo 8 25 menús diferentes con prezos entre os 12 e os 29 euros.

O país convidado, Costa Rica, presenta un menú que inclúe olla de carne, picadillos de verduras tropicais con tortillas de maíz e arroz con palmito, filete de róbalo , filete de lomito e unha degustación de sobremesas típicas.

O menú #saboresdeourense recolle sete dos pinchos premiados nas edicións de primavera e outono do concurso Sabores de Ourense.

Os menús Concello de Laza e Concello de Riós inclúen un total de seis pratos entre benvida, aperitivo, entrada, primeiro, segundo e sobremesa.

O menú Ría de Pontevedra –Beluso ten o marisco de protagonista, mentres que o que presenta o restaurante do Inorde-Coren está conformado con produtos con denominación, como patacas da Limia, porco celta ou polo de curral.

De Portugal chegan as propostas gastronómicas de Vila Real e do Douro, compostos en ambos casos por buffet de entrantes, bacallau ou tenreira e buffet de postres; mentres que a rexión de Dao Lafoes-Centro de Portugal acude a Xantar con dúas opción de menú.

O restaurante Allariz-Acea da Costa oferta tamén dous menús, nos que os pratos fortes son o chuletón de tenreira galega, o solombo de porco con castañas ou o rodaballo en salsa.

Agatur, Turismo Rural de Galicia, presenta o menú Ribeira Sacra (o xoves e o domingo) e o menú Ribeiro ( o venres e o sábado), mentres que Terras do Avia ten como prato principal o polbo á feira, a carne ao caldeiro ou a carne richada.

O Concello de Vila de Cruces acude á feira con tres menús; o Concello de Lugo, con chuletón de boi á grella de principal; e o de Parada de Sil con arroz cremoso ou xarrete estufado a elixir. Tamén hai dúas opción de menú no restaurante Vila do Corpus-Ponteareas.

E a presenza de Castela e León achégaa o restaurante Puebla de Sanabria, que oferta, entre outras viandas, lechazo ou chuletón, ademais de cecina, ‘habones’ e boletus.

Algúns dos restaurantes presentes teñen menús infantís e aptos para celíacos e alérxicos, e hai menús a prezos especiais para a noite do mércores e a do xoves.