A agrupación socialista de Taboadela decidiu por unanimidade que o actual portavoz do PSOE no concello e deputado provincial sexa o seu candidato á alcaldía da localidade nas vindeiras eleccións municipais.

 

O partido socialista de Taboadela baseará a súa campaña en frear e investir a gran perda de poboación que sofre o concello. Considera que “fronte ao inmobilismo do que fai gala o actual alcalde, as políticas municipais teñen que ter un eixo común sobre o que viren e que non é outra que parar a sangría demográfica”, explican.

“Non é de recibo que un Concello practicamente limítrofe con Ourense non teña un transporte público que permita unha mobilidade mínima para os seus veciños”, engaden.

Ao mesmo tempo, entenden que en materia urbanística deben ser dinámicos e non meros observadores e que será o propio concello o que propicie as condicións necesarias para un crecemento do mesmo. “Entendemos que temos unha poboación moi envellecida pero non que non sexamos capaces de reter e atraer aos nosos mozos”, denuncian. O que implica unha aposta pola rehabilitación dos núcleos e a súa posta en valor do inxente patrimonio etnográfico.

Ademais, adiantan que os servizos sociais “terán que dar resposta ás necesidades reais da poboación e non ser un mero xestor das institucións, e para iso o concello ten que deixar de ser un órgano unipersoal para ser un órgano colexiado onde cada concelleiro terá competencias propias”.