O obxecto desta actuación, na que se investiron máis de 670.500 euros, é evitar inundacións no tramo urbán do río, utilizando a súa propia capacidade como elemento canalizador da drenaxe natural e a posta en valor da contorna fluvial.

 

O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, finalizou as obras de mellora do dominio público hidráulico e da capacidade de desaugadoiro do río Limia, ao seu paso polo tramo urbano de Xinzo de Limia, que foron executadas en seis meses, tras un investimento de máis de 670.500 euros.

O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e o presidente da Confederación, Francisco Marín, supervisaron o resultado das actuacións, acompañados polo alcalde de Xinzo, Antonio Pérez, polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, e polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, entre outras autoridades.

O proxecto
O obxectivo deste proxecto é evitar as inundacións do tramo urbán do río Limia, utilizando a súa propia capacidade como elemento canalizador da drenaxe natural, así como o acondicionamento e a posta en valor e integración da contorna fluvial no centro de Xinzo.

As actuacións proxectadas iniciáronse coa demolición da pasarela peonil de acceso ás piscinas municipais, que se atopaba en mal estado e supuña un perigo importante para os viandantes, e a posterior construción de nova pasarela de metal, de 2.50 m de ancho e 45 m de lonxitude.

Por outra banda, procedeuse á ampliación da ponte de O Bouzo, conseguindo unha sección final de calzada de 6 metros, que permite o paso simultáneo de dous vehículos, así como dúas beirarrúas peonís laterais de 1.25 m de ancho, o que implica unha mellora importante da seguridade viaria.

Ademais, leváronse a cabo traballos de restauración e mellora das condicións hidráulicas da canle, consistentes na limpeza e roza selectiva da vexetación de ribeira, eliminación das especies en mal estado fitosanitario así como as especies invasoras. Por outra banda, procedeuse á restauración de marxes e de noiros debilitados.

Estas actuacións foron financiadas nun 80% a través de Fondos Europeos, e o 20% restante foi sufragado polo Ministerio, a través da CH do Miño-Sil. Pola súa banda, o Concello de Xinzo encargouse de pór os terreos a disposición da Confederación para a execución das obras