O venres 6 levarase a cabo a Mesa de coordinación para a eliminación da violencia de xénero e durante todo o mes a Casa da Xuventude acollerá a exposición “Imaxes de Muller”, que reflexa os distintos papeis que xogou o xénero feminino dende o principio dos tempos.

Dende a área de Igualdade do Concello de Verín quérese conmemorar o Día Internacional das Mulleres, o 8 de Marzo, co obxecto de defender as conquistas das mulleres, recoñecer os desafíos e dirixir maior atención aos dereitos e a igualdade de xénero co ánimo de motivar a todas as persoas a facer a parte que lle corresponda diariamente.

Por este motivo, na xornada do venres 6 levarase a cabo a Mesa de coordinación para a eliminación da violencia de xénero onde se falará dos proxectos da área de igualdade que está a a realizar o Concello de Verín, como son “Equilibrio-Balance” (relacionado coa conciliación e corresponsabilidade) e o “Proxecto Irene” (de información, formación e prevención da violencia sexual en mozos e adolescentes). Nesta reunión da Mesa terán un protagonismo especial os centros de ensino de primaria, co fin de tratar dende a base a prevención e eliminación da violencia de xénero que se está a incrementar en idades máis temperás.

Por outra banda, durante o mes de marzo nas paredes da Casa da Xuventude (onde está situado o Centro de Información ás Mulleres- CIM) acollerán a mostra gráfica ‘Imaxes de Muller’, que pretende facer visibles os distintos papeis que a muller xogou dende os principios dos tempos, en cuestións políticas e sociais, no traballo, coma nai e noutros roles aos que se foi incorporando co devir dos tempos modernos.

Esta mostra está cedida polo verinense Xerardo Dasairas Valsa, que exerce coma mestre en Cangas e escribiu numerosas publicacións referentes á etnografía, historia, arqueoloxía, patrimonio pedagoxía e socioloxía.