A mostra abrirase ao público o 11 de marzo ás 20 horas e permanecerá na capital limiá ata o 31 de marzo.

“Entre a Auga e a Pedra” é o título da exposición coa que a Asociación Fotosíntese se presenta en Xinzo. A mostra inaugúrase o 11 de marzo na Casa da Cultura e estará aberta ao público ata o día 31.

A exposición xa pasou polo Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense e polo Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras. Desde este mércores, as xentes da Limia poderán contemplar esta mostra na que 11 fotógrafos, empregando a técnica da panorámica, ofrecen “un punto de vista, unha mirada, a visión dunha realidade, totalmente vencellada á nosa provincia, á súa natureza e á súa historia”. Ourense, auga e pedra son o fío condutor destas imaxes, de sitios e lugares que en moitos casos resultarán coñecidos para os visitantes.

A Agrupación FotoSintese de Ourense é un colectivo de afeccionados á fotografía que teñen como obxectivo aprender, dar a coñecer todo aquelo que teña que ver co mundo da imaxe e da fotografía e ensinar as súas obras.