Premio Clara Campoamor a Ánxeles Cuña

A dramaturga é recoñecida pola súa firrme aposta por poñer en valor o papel da muller nas artes escénicas ao longo da súa ampla traxectoria.

O salón nobre do Liceo acolleu a entrega do IX Premio Clara Campoamor á Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes. Neste 2015, o galardón, que entrega o Concellería de Igualdade de Ourense coincidindo coa conmemoración do Día da Muller o 8 de marzo, recaeu na directora teatral Ánxeles Cuña Bóveda.

O acto comezaba coa intervención da concelleira de Igualdade, Marga Martín, salientando o compromiso de Cuña por facer visible o papel da muller na sociedade que o levou a ser merecedora deste recoñecemento. Despois deuse paso a un vídeo no que amigos, alumnos da Universidade Laboral na que traballa e compañeiros en Sarabela destacaron as súas cualidades.

Tras el, a homenaxeada recibiu o premio de mans de Martín e do alcalde, Agustín Fernández, entre un sentido aplauso dos presentes. Pecharon o acto as intervencións de 30 mulleres relacionadas co mundo do teatro, unhas presentes no salón e outras por vídeo, deron lectura a pequenos fragmentos literarios femininos.