O voceiro municipal José Ángel Vázquez Barquero salientou que a ampliación do CHUO é un proxecto no que cooperaron Xunta, Goberno central e Concello.

Barquero, que estivo este luns na visita do presidente da Xunta ás obras do novo edificio de hospitalización, criticou o protagonismo de Alberto Núñez Feijoo durante este acto, por canto a ampliación do complexo hospitalario de Ourense é posible da “cooperación” entre Concello, Xunta de Galicia e Administración central.

Así, apuntou o político socialista, foi a xestión do departamento municipal de Urbanismo o que permitiu obter os aproveitamentos urbanísticos da Finca Santamariña, 23.000 metros cadrados que foron cedidos á Administración autonómica para levar adiante esta ampliación. “Terreos que teñen un valor de mercado de cinco millóns de euros”, recalcou.

Ademais, Vázquez Barquero recordou que foi un convenio asinado en 2011 pola entón ministra de Ciencia e Innovación, Cristina Garmendia, co que se acordou financiar o 80% do investimento tecnolóxico no hospital ourensán con fondos Feader (45 millóns de euros).

Pero as críticas do Goberno local de Ourense ao Goberno galego non quedaron aí, e estendéronse á súa política sanitaria. “De seguir adiante coa política de recortes da Administración autonómica e deficiencias de xestión, difícilmente a ampliación levará unha mellora do servizo; de pouco valen as ampliacións se non hai máis persoal, máis mantemento e máis servizos”, afirmou Barquero no salón de plenos do Concello de Ourense.