Ponte Romana

O deputado popular Jesús Vázquez preguntou no Parlamento galego á conselleira Ethel Vázquez polas actuacións previstas para o mantemento e conservación deste monumento.

Vázquez amosou a súa satisfacción polo anuncio feito no Parlamento pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, dun investimento próximo ao millón de euros na posta en valor da ponte Romana de Ourense e o seu contorno.

O deputado preguntara á conselleira polas actuacións previstas por este departamento do Goberno galego no mantemento e conservación da Ponte de Ourense, “un dos principais símbolos da nosa cidade considerada unha das mellores infraestruturas viarias do seu tempo”.

Levantada no século I e declarada monumento histórico-artístico en 1961,  aponte Romana de Ourense foi obxecto de diversas intervencións de reestruturación ao longo dos anos. “Porén, na actualidade é preciso levar adiante novas actuacións que permitan a súa mellora efectiva, para o que é necesario a implicación de todas as administracións”, sinalou Vázquez.

Diante do anuncio feito pola conselleira Ethel Vázquez da próxima execución dun plan, que suporá un investimento de case un millón de euros, para a posta en valor da Ponte Romana de Ourense, Jesús Vázquez agradeceu “a implicación da Xunta de Galicia na mellora deste monumento” e subliñou que esta iniciativa “debería ser máis que suficiente para implicar a outras administracións na promoción e posta en valor deste símbolo da cidade e da provincia de Ourense”.