A Xunta de Goberno Local aprobou a convocatoria de subvencións, que se adxudicarán por concorrencia competitiva.

 

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar este xoves as bases reguladoras de subvencións a entidades sen ánimo de lucro en mateira de benestar social e a convocatoria para o ano 2015. A Concellería de Benestar Social destinará un total de 325.000 euros, aos que poderán optar as asociacións e entidades sen ánimo de lucro en réxime de concorrencia competitiva.

As bases aprobadas teñen por obxecto dar resposta ás demandas sociais e fomentar as actividades das entidades sen ánimo de lucro, dentro do municipio de Ourense. As actividades deberán ir dirixidas de forma prioritaria a persoas e colectivos en situación de vulnerabilidade social.

Serán obxecto destas subvencións programas, proxectos ou accións que teñan por finalidade o fomento de actividades de utilidade pública e interese social ou de promoción social, que cumplan os requisitos das bases.

As solicitudes presentaránse en Rexistro do Concello de Ourense, desde un mes contado a partir do día seguinte á publicación no Boletín Oficial da Provincia. A concesión das subvencións terá en conta o interese, coherencia, viabilidade e continuidade do proxecto.

Considéranse gastos subvencionables os gastos directos de funcionamento da entidade necesario para o desenvolvemento das actividades obxecto da subvención (persoal, gastos correntes, etc.), así como os gastos indirectos relacionados co cumprimento das actividades obxecto da subvención (aluguer, gastos de auga, luz, etc.).

A documentación deberá incluír un proxecto explicativo da actividade, especificando xustificación do proxecto ou actividade, persoas destinatarias, obxectivos, accións a desenvolver, metodoloxía, recursos materiais e humanos e orzamento, así coma outra documentación propia da actividade a desenvolver.