A entidade celanovesa acolle o venres, 13 de marzo de 2015 ás 19.30 horas, a inauguración da exposición ‘Onde beben os cervos que amansou o calígrafo’.

 

A mostra é obra dos artistas das Terras de Celanova, Baldo Ramos e Carlos González Villar. No mesmo acto terá lugar a presentación da última publicación de Baldo Ramos ‘Cartografía do exilio’ que obtivo en 2014 o Accésit de Poesía Miguel González-Garcés da Deputación da Coruña.

A exposición ‘Onde beben os cervos que amansou o calígrafo’ poderase visitar na casa familiar de Manuel Curros Enríquez ata o 31 de maio e nela estará presente o traballo artístico de ambos principalmente como gravadores. Esta mostra está tamén baseada nun libro de gravados que contén material poético realizado polo celanovés Baldo Ramos e material artístico do autor con orixes en A Bola, Carlos González Villar.

As visitas poden realizarse de martes a sábado de 11.00 a 13.30 e de 16.00 a 19.00 horas, e os festivos só de mañá. O acceso é gratuíto.