Presentación das feiras de Comeourense

A primeira feira celebrarase na Praza Maior o sábado 28 de marzo de 10 a 14 horas.

 

O Concello de Ourense, a través da iniciativa Comeourense, creará, co obxectivo de promover os productos locais de alimentación, sexan frescos ou elaborados, a feira mensual itinerante Comeourense. A concelleira de Medio Ambiente, Susana Bayo, e a concelleira de Comercio, Juana Ageitos, presentaron a nova actividade no Salón de Plenos do Concello xunto ao coordinador da feira, Óscar Senra.

A primeira destas feiras terá lugar na Praza Maior, o sábado 28 de marzo de 10 a 14 horas. Outras datas confirmadas son o 25 de abril no paseo da Ponte, o 23 de maio no barrio do Couto (na rúa Dali) e o 6 de xuño, de novo na Praza Maior, coincidindo cos actos da Semana do medio ambiente.

Solicitudes de colocación do posto

Para reforzar o carácter local das feiras, establécense dous criterios para xestionar as solicitudes de colocación do posto. O primeiro, en función da procedencia, primando empresas e persoas do Concello de Ourense e de municipios limítrofes. En segundo lugar, en función do tipo de venda, dando prioridade á venda directa -que venda polo menos o 60% de produtos de elaboración propia-. Cada posto constará dunha carpa de tamaño 3×3 m2 de cor branca. Segundo informou Senra, xa hai 14 postos confirmados, catro dos cales son de produtos ecolóxicos. A intención é conseguir en cada feira entre 20 e 25 stands, incluíndo produtos frescos e elaborados.

As persoas interesadas en solicitar un posto poden entregar a súa solicitude ata 15 días antes de cada feira, vía email feira@maos.gal, na web http://qr.net/Feira, por teléfono 694 474 166 ou en persoa, no stand de Comeourense na feira anterior á que se solicita asistir.

A edil de Medio Ambiente explicou que en maio remata o proxecto piloto europeo de Comeourense, do que asegurou «cumprimos a expectativas». A intención municipal é darlle continuidade no futuro. Para tal fin ten prevista unha viaxe a semana próxima a Bristol.