BNG sobre La Central

Os nacionalistas organizaron este xoves un acto fronte á cafetería para chamar a atención sobre o canon anual de 0,60 euros que debe pagar a instalación ao Concello de Ourense pero que non está abonando.

 

Esta cantidade -100 pesetas- remóntase ao ano 1968 data na que se asinou o contrato coa empresa que explotaba este espazo público.

Explicaba a concelleira Susana García que o Goberno municipal non pode seguir consentindo «estas irregularidades», a saber, obras de remodelación que non se axustaron ao proxecto presentado, cesión ilegal a unha empresa distinta á que ten a concesión, desaparición do expediente de concesión e ocupación dunha praza pública cunha terraza que non ten autorización.

Coñecedores destes feitos, o grupo municipal nacionalista solicitara no mes de de xuño de 2014 unha comisión informativa co obxectivo de clarificar estes aspectos. A proposta fora aceptada por todos os grupos e a comisión constituíuse nese mesmo mes reuníndose, dende aquela, en oito ocasións, estando presidida pola concelleira nacionalista.

Manifestaba a voceira do BNG que un informe da asesoría xurídica determinou que o espazo é público e que a concesión vence en 2018, que non se contempla a posibilidade de subrrogación e que no momento da sinatura do contrato -ano 1968- o canon estabelecido era de 100 pesetas.

Ante esta situación de flagrante incumprimento, a comisión acordou solicitar un informe á asesoría xurídica para determinar a posibilidade de recuperar a concesión. Este informe pedíuse no mes de xullo e a día de hoxe nin se entregou nin hai data prevista para emitilo, a escusa que puxo o alcalde, salientou García, é a carga de traballo que ten esa asesoría xurídica. A este respecto, a concelleira de Comercio, a socialista Juana Ageitos, confirmou este mesmo xoves que a comisión de estudo segue pendente do informe do técnico sobre esta concesión, a quen se lle requeriu que o presente “lo antes posible”. 

Ageitos tamén indicou que o Concello puxo dúas sancións dunha “cuantía bastante elevada” á cafetería polos veladores, sancións que foron recurridas pola empresa.

Moción no próximo pleno

O BNG presentará unha moción no pleno de abril para que se rescate a concesión e se saque a concurso en condicións de igualdade e cun canon acorde aos negocios desas características cedidos polo Concello.

Cos cartos recadados neste acto informativo, o BNG fixo o ingreso para pagar os 0,60 céntimos de canon que non paga a propietaria da cafetaría La Central.