Diplomas obradoiro de emprego de Xinzo e Baltar

«As Veigas» formou 20 desempregados en Porqueira, Rairiz de Veiga, Calvos de Randín e Os Blancos; «Xinzo e Baltar polo emprego» preparou outros 20 parados destes dous municipios, e “Santa Águeda II” 21 persoas de Amoeiro, A Peroxa, Coles e Vilamarín.

 

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado do xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, José Selas, participou este xoves na clausura e entrega de diplomas de tres obradoiro de emprego na provincia.

O primeiro deles, “As Veigas”, posto en marcha o pasado mes de agosto e no que participaron 20 desempregados como alumnos de xardinería e asistencia doméstica, procedentes dos concellos de Porqueira, Rairiz de Veiga, Calvos de Randín e Os Blancos. Neste obradoiro, a Consellería de Traballo e Benestar investiu preto de 178.000 euros. 

Durante os seis meses que durou este programa mixto de formación e emprego os alumnos que escolleron o módulo de asistencia doméstica, adquiriron coñecementos sobre o servizo de emprego doméstico e realizaron prácticas en domicilios dos catro concellos que compartiron o obradoiro.

Pola súa banda, os alumnos de xardinería recuperaron e acondicionaron no concello de Porqueira, os parques de San Lázaro e Paradela amais do campo da piscina da Forza. En Calvos de Randín, os alumnos deste obradoiro recuperaron as contornas das antigas escolas de Castelaus, Rubiás e Golpellás. Polo que respecta ao concello de Rairiz de Veiga, traballouse nas áreas recreativas do Furriolo en Lampaza, Portapena e Castelo-Feira da Saínza. Por último, os desempregados que participaron neste programa mixto de formación e emprego executaron labores de acondicionamento dos parques infantís en Vilar, Covelas e Nocedo e da área recreativa de Pexeiroos, pertencentes ao concello dos Blancos.

«Xinzo e Baltar polo emprego»

Un total de 20 persoas desempregadas remataron o obradoiro de emprego “Xinzo e Baltar polo emprego” que agrupa a estes dous concellos. Deste programa mixto de formación e emprego tamén se beneficiaron outras 5 persoas que formaron parte do persoal directivo, docente e de apoio administrativo. O alumnado compaxinou, durante os seis meses que durou esta iniciativa, unha formación teórico-práctica de xardinería e albanelería co desenvolvemento dun traballo remunerado, grazas a un investimento da Consellería de Traballo e Benestar de máis de 177.500 euros.

Os 12 alumnos que elixiron o módulo de albanelería e os 8 que optaron pola disciplina de xardinería realizaron en Baltar traballos de recuperación da casa do Boi en Sabucedo e a pavimentación das rúas Boullosa e San Paio; amais de axardinar as contornas da casa consistorial, colexio público e centro de día. No concello de Xinzo de Limia rehabilitaron o centro social da Gorgoloza, na parroquia de Ganade, e construíron a beirarúa na rúa Padre Feijóo. Tamén acondicionaron os parques da alameda do Toural, Devesa, Pombal, Seara, Ponte da Limia, Galicia, Antioquía e Telleira; e recuperaron os espazos verdes do Parque Empresarial.

«Santa Águeda II»

Finalmente, o delegado da Xunta entregou os diplomas do obradoiro de emprego “Santa Águeda II” promovido polos concellos que integran a Mancomunidade do mesmo nome, é dicir, Amoeiro, A Peroxa, Coles e Vilamarín. Este obradoiro púxose en funcionamento o pasado mes de agosto e nel participaron 21 desempregados como alumnos de albanelería.

Os alumnos que participaron no obradoiro rehabilitaron a antiga escola rural de Portocelos, en Amoeiro, para destinala a centro multiusos veciñal. No concello da Peroxa, grazas a este programa mixto de formación e emprego, rehabilitáronse a antiga fonte lavadorio de Corbelle, o forno tradicional de San Esteban, e a fonte de Reza. Polo que respecta ao concello de Coles, os alumnos reformaron as antigas escolas de Cambeo e Miegodevila para destinalas a local social. Por último, no municipio de Vilamarín executáronse traballos de rehabilitación na antiga casa cuartel de Tamallancos.

Estes días se están a clausurar os 13 obradoiros de emprego que se celebraron na provincia dende o mes de agosto. Nestes programas participaron 40 concellos e deles beneficiáronse 339 persoas desempregadas: 263 alumnos e alumnas e 79 persoas como persoal directivo, docente e administrativo. Traballo e Benestar destinou aos obradoiros preto de 2,3 millóns de euros.