O vindeiro 21 de marzo terá lugar a terceira proxección de cine solidaria en Ponte Vella, da man do garda civil Óscar Castillo e o seu proxecto Ayúdanos a Ayudarles.

Como cada terceiro sábado de mes, este 21 de marzo o proxecto “Ayúdanos a Ayudarles”, posto en marcha polo garda civil Óscar Castillo, permitirá que a familias ourensás con menos recursos poidan gozar dunha xornada de cine en familia cos seus cativos. Nesta ocasión a película proxectada será “Como entrenar a tu dragón II” e será ás 12 horas nos cines do centro comercial Ponte Vella.  Así mesmo haberá actividades complementarias, como manualidades, taller de maxia, etc.

Todas as familias que queiran acollerse a esta iniciativa deben presentar a tarxeta de desemprego do pai ou nai que acompañe aos nenos, o xustificante parroquial de axuda ou de beneficiario de Cáritas 45 minutos antes da película. E deste xeito poderán gozar da proxección por 2 euros cada un.  Ao remate da mesma, cada cativo recibirá unha Coca-cola. E presentando o tícket da película en McDonalds poderá gozar dunha hamburguesa con patacas por só 1,30 euros.

Deste xeito, as familias con menos recursos poden ofrecerlle unha alternativa de ocio aos seus cativos, con comida incluída, por só 3,30 euros.

Seguintes proxeccións
En abril, a película que se proxectará dentro desta iniciativa será “Monstruos University”; en maio, “Gru, mi villano favorito”; en xuño, “Gru, mi villano favorito II”; e en xullo, “UP”.

Eliminando barreiras
O colectivo “Sonrisas para romper barreras” presentou unha queixa ao Concello de Ourense pola dificultade de movilidade que os nenos en cadeira de rodas teñen no parque dos Carrileiros, na rúa da Canle, logo dunha saída cos máis pequenos organizada dentro desta actividade social do garda civil ourensán, na que comprobaron de primeira man as complicacións que os rapaces discapacitados viven nesa instalación.