Feijoo no Centro Tecnolóxico da Carne

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou durante e súa visita ao Centro Tecnolóxico da Carne a aposta polo futuro da agroindustria e do sector cárnico galego a través de programas innovadores que reforcen a súa competitividade.

E nesta liña, avanzou a posta en marcha dun proxecto de colaboración entre a Xunta, o Centro Tecnolóxico da Carne e o grupo Coren para desenvolver programas de innovación na industria cárnica por valor de 24 millóns de euros, dos cales un 26% son fondos públicos.

Feijóo explicou que esta iniciativa ten como finalidade incrementar a competitividade tanto do centro como da propia empresa Coren e impulsar solucións tecnolóxicas que respondan os grandes retos e necesidades de futuro do sector agroalimentario galego.

Máis polo miúdo, precisou que nos vindeiros anos se porán en marcha sete proxectos estratéxicos centrados en áreas como a cría de polo e porco, a sanidade animal ou os alimentos funcionais. “Abordarán a mellora da calidade da carne de polo; o incremento dos índices reprodutivos do polo de carne; a inclusión dunha nova liña xenética no gando porcino (a raza Celta); a redución do uso de antibióticos na cría do gando; o deseño dun sistema de valorización de zurros; ou o desenvolvemento de alimentos funcionais adaptados ás necesidades nutricionais de bebés, nenos ou anciáns”, dixo.

Do mesmo xeito, o responsable autonómico aseverou que estes proxectos contribuirán a xerar explotacións cárnicas máis eficientes e rendibles; crear produtos innovadores e de maior calidade; xestionar os recursos de maneira máis responsable; potenciar a eficiencia enerxética nas explotacións e impulsar a creación de emprego cualificado. Non en van, nestes proxectos traballarán preto de 90 persoas.

O titular da Xunta incidiu en que esta iniciativa comportará un gran impulso para un dos sectores estratéxicos da economía galega: “unha oportunidade para renovar e reforzar a competitividade do tecido industrial do interior de Galicia e suporá, tamén, incluír este sector na Estratexia de especialización intelixente da Unión Europea”.

Por último, Feijóo salientou que esta alianza permitirá, ademais, que o Centro Tecnolóxico da Carne, con 10 anos de traxectoria, duplique a súa dimensión actual e inicie o camiño para converterse nun centro de referencia do sector agroalimentario galego: que está integrado por máis de 600 empresas, dá emprego a 9.000 persoas e factura 1.400 millóns.

[Fotografía de Conchi Paz]