María, parada de longa duración

María (nome suposto) ten 48 anos e leva cinco en paro. O seu é un caso máis dos denominados parados de longa duración e do problema da sobrecualificación. Sendo maior de 45 anos e muller, as dificultades para regresar ao mercado laboral multiplícanse.

Con estudos superiores en Filosofía, tese incluída, e tras 25 anos vinculada á Universidade de Santiago como investigadora, circunstancias persoais obrigárona a deixar este emprego. Foi saír da universidade e darse de bruces coa realidade do mercado laboral español, xa en plena crise económica. Sobrecualificada, non tiña oco nas empresas. Marchou a Madrid, pero decatouse que “unha investigadora non serve para nada no mercado laboral”.

Unha etapa moi dura na que chegou a romper cos pais, cos que tivo que volver vivir para poder manterse; “acusábanme de non querer traballar”, deféndese. Os dous anos de paro, o subsidio de 426 euros durante un ano máis, unha renda activa de inserción de 227 euros outros 12 meses e o rescate do seu fondo de pensións déronlle para ir tirando durante todo este período.

Durante estes anos decidiu suprimir a tese doutoral, o CAP, o grao e as publicacións científicas do seu currículum, formouse con cursos de todo tipo e ata avaliou a posibilidade do autoemprego. “Hai unha profecía que se autocumpre: o temor ao fracaso faite fracasar nas entrevistas laborais; chegas a pensar que eres unha inútil baseándote en que non tes traballo”, sinala esta muller.

Hai 15 meses regresou a Galicia. Grazas a pequenas experiencias laborais anteriores como comercial, atopou o seu primeiro traballo en anos neste sector. “Sen seguro, sen soldo base e a comisión pura e dura, coas condicións dun comercial e o soldo dunha becaria”, explica María. Tras a etapa de comercial cambiou a outro emprego como asistente no fogar no que cobraba o dobre.

“Só levo dez días sen traballar, pero estes seis meses de comercial fixéronme ver o final do túnel”, valora María.

Agora está pendente dunha oferta de interna, e agarda recibir unha axuda económica da Cruz Vermella que lle permita pagar o vindeiro recibo do aluguer.

A solidariedade
Da súa etapa nas filas do INEM, destaca a solidariedade que se establece entre parados, e da súa nova vida nunha aldea de Allariz, a axuda que lle proporcionan os seus veciños en forma de comida ou leña. “A mellor idea que tiven foi volverme para a aldea; tecnicamente son pobre porque necesito axuda para vivir pero na cidade sería máis duro”, salienta.