O aparello estropeouse no mes de outubro, pero ata agora o SERGAS “nin o arranxou nin o repuxo cando é imprescindible”, denuncian dende este sindicato.

Comisións Obreiras vén de denunciar que, na consulta de pediatría do centro de saúde de Xinzo de Limia, dende o mes de outubro do ano pasado que se avariou unha neveira, non se poden conservar as vacinas dos nenos por non dispor dun aparello de frío en correctas condicións. CCOO advirte que, despois de cinco meses da avaría, “o SERGAS nin arranxou nin repuxo o aparello de frío cando dita neveira é imprescindible”.

Dende o sindicato critican “a desidia e irresponsabilidade do SERGAS, que ignora reiteradamente as comunicacións de CCOO pondo a avaría en coñecemento da Xerencia da Área de Xestión Integrada (EOXI), sen que ata o momento a administración tomara cartas no asunto para resolver o problema”.

CCOO considera esta situación de “absoluta irresponsabilidade dos xestores do SERGAS” por canto implica que, cada certo tempo, haxa que desbotar as vacinas co custo que isto supón para o erario público. “Neste momento en que o SERGAS escatima e recorta recursos humanos e materiais, non lle importa perder vacinas e cartos por non arranxar ou repor unha simple neveira”, sentencian.