O delegado terriorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, entregou os diplomas aos desempregados que participaron nos obradoiros de emprego «Agrupación Carbosam 2014», «San Antón» e «Conso-Frieiras II».

Foron 20 persoas desempregadas  as que recibiron os diplomas que acreditan a súa participación nos últimos seis meses no obradoiro de emprego “Agrupación Carbosam 2014” que agrupa aos concellos do Carballiño, San Amaro e Boborás. Deste programa mixto de formación e emprego tamén se beneficiaron outras 6 persoas que formaron parte do persoal directivo, docente e de apoio administrativo.

Pola súa banda, o obradoiro de emprego “Conso-Frieiras II” ofreceu formación e un posto de traballo a un total de 20 persoas desempregadas achegados dos tres concellos que compartiron esta iniciativa: Riós, Vilariño de Conso e A Gudiña, mentres que o obradoiro de emprego “San Antón” organizado conxuntamente polos concellos de Verín e Vilardevós, formou 20 desempregados como alumnos de carpintería, xardinería e albanelería.

O delegado territorial, na súas intervenciósn durante estes actos de clausura, destacou ante os alumnos as distintas vantaxes dos obradoiros de emprego: combinan formación cun posto de traballo; permiten o desenvolvemento de obras ou servizos de interese para a comunidade; e abren un importante espazo de colaboración cos concellos para intentar que estes obradoiros teñan continuidade na creación de postos de traballo nun futuro.

Durante os seis meses de duración do obradoiro os 14 alumnos que elixiron o módulo de xardinería e os 6 que optaron pola disciplina de albanelería realizaron traballos de recuperación de infraestruturas e zonas verdes. No Carballiño acondicionaron o lavadoiro na Uceira, o forno en Sáa e os accesos ao cemiterio de Señorín. No municipio de San Amaro rehabilitaron o local do grupo escolar de Anllo e, por último, en Boborás, o alumnado deste obradoiro de emprego traballou en labores de mantemento de rutas de sendeirismo.

O obradoiro «San Antón» realizou a rehabilitación da capela de San Antón, e o mantemento das áreas recreativas existentes no núcleo urbano do concello de Verín, así como o acondicionamento parcial da antiga escola de Berrande (Vilardevós) para acoller un centro social.

O alumnado do «Conso-Frieiras II» pola súa banda executou diversas actuacións nos ámbitos de axuda no fogar e xardinería.