Manuel Baltar dixo que este evento “nace cunha visión integral de provincia, pois promove a nosa cultura e riqueza monumental, complementadas con iniciativas de vangarda”.

O Salón de Actos do Centro Cultural «Marcos Valcárcel» acolleu a inauguración da Semana das industrias culturais e creativas «Ourense ICCWeek», un acto que contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e que tivo como relator a Pau Rausell, doutor e profesor titular do Departamento de Economía Aplicada da Universitat de Valencia, quen falou do «Impacto das industrias culturais e creativas nos territorios».

O Ourense ICCWeek reunirá ata o vindeiro sábado en torno ao ámbito audiovisual a expertos, emprendedores, empresarios e público en xeral. O programa inclúe relatorios, entrevistas, net party, concertos, showcases, rede negocios e master class sobre radio, cinema, TV, industria musical, novas tendencias tecnolóxicas, Apps e vídeo-xogos, que se desenvolverán no Pazo dos Deportes «Paco Pazo» e en diferentes vilas da provincia de Ourense.

 Manuel Baltar dixo que o Ourense ICCWeek “é un evento que se vai consolidar nos próximos anos e que fará que Ourense sexa un referente da creatividade, porque este é un territorio esencialmente creativo e poderemos contribuír así a seguir dándolle un pulo cultural e innovador á nosa provincia”. Baltar destacou que esta iniciativa «converte a Ourense no centro de referencia das industrias culturais e creativas situándoa na vangarda do audiovisual durante esta semana”, e salientou que Ourense ICCWeek “nace cunha visión integral de provincia pois promove e difunde a nosa cultura e riqueza monumental a cal se complementa coas iniciativas de vangarda que se están a dar nos ámbitos tecnolóxico, artístico e audiovisual e que poderán coñecerse no marco desta iniciativa».

Logo do acto inaugural e do relatorio de Pau Rausell tivo lugar o concerto de «The cinematic sound ensemble», maridado cunha cata de viño Ribeiro cortesía do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro.

Programa de actividades

O programa da Ourense ICCWeek abrangue varios apartados:

– ICCWEEK: ao redor de 30 participantes, expertos en diferentes áreas presentarán charlas, cursos ou xornadas de traballo.

– ICCNET PARTY: é o punto de encontro de fanáticos da informática radical, gamers e desenvolvedores. Un espazo de conexión xigante que permite interactuar a centos de participantes con velocidades de rede astronómicas e todo o necesario para unha experiencia virtual extrema.

– ICCEXPO: venres e sábado. Unha feira con máis de 50 empresas do sector audiovisual e de formación especializada en industrias creativas.

– ICCTOUR: unha forma diferente de vivir a experiencia profesional.

– ICCNETWORKING: networking a tarde noite do xoves, unha actuación, charla e reunión cos medios.

– ICCEXPOCONCERT: un concerto para todos os públicos no Pazo dos Deportes «Paco Paz».

Os relatorios e charlas técnicas desenvolveranse en Celanova (Mosteiro de San Salvador), Esgos (Mosteiro de San Pedro de Rocas) e Vilamarín (Pazo de Vilamarín), sendo os temas que se abordarán «A industria da música e os seus axentes», «O marco legal dos dereitos de autor e a propiedade intelectual», «O mundo da vídeo-creación», «Vídeo-xogos e tendencias dixitais», «Os novos retos do audio e a produción musical» e «O futuro do cine visto polos seus protagonistas».

Nos concertos, que se celebrarán o sábado, día 28, no Pazo dos Deportes «Paco Paz» actuarán Electric Feels, Isaac Torgal Dj, Marlango, Aurora & The Betrayers e Wöyza.

As inscricións para participar nas diferentes actividades da «Ourenseiccweek» así como a compra das entradas para os concertos pódense xestionar a través da páxina web: www.ourenseiccweek.com.