Obra no Irixo

Foron obras de mellora do abastecemento en Cangues e recuperación de espazos degradados en Casar de Cangues cun investimento de máis de 56.000 euros.

 

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitou O Irixo para coñecer in situ as actuacións que se executaron no municipio ao abeiro das subvencións do Fondo de compensación Ambiental, onde destacou o beneficio que aporta o Fondo para os pequenos concellos da nosa provincia.

Rogelio Martínez que estivo acompañado polo alcalde, Manuel Penedo, destacou que no Irixo apostouse polas obras no abastecemento e a recuperación de espazos degradados, e a subvención de máis de 56.000 euros utilizouse para resolver o problema da subministración de auga potable que tiña a poboación da parroquia de Cangues e para recuperar as dúas pozas empregadas para a regulación e reserva de auga en Casar de Cangues.

O Fondo de Compensación Ambiental foi posto en marcha hai cinco anos polo Goberno galego e ten permitido que os concellos se beneficien por primeira vez das explotacións eólicas que hai en Galicia.

Os concellos galegos ao abeiro desta Orde están a subvencionar iniciativas como mellora do saneamento e depuración de augas residuais, melloras no abastecemento da subministración de auga potable, eficiencia enerxética, recuperación de espazos naturais ou dotación de medios materiais e humanos para a conservación ambiental, entre outras moitas actuacións.

O ano pasado, Ourense foi a provincia onde máis proxectos, un total de 20, se levaron a cabo ao abeiro deste Fondo de Compensación Ambiental.