A produción da compañía viguesa Pisando Ovos chega a Ourense este venres 27 de marzo ás 20.30 horas.

Despois de máis de catro anos desde a última peza, a compañía viguesa Pisando Ovos presenta “Que volvan as flores”, a sexta produción da compañía na que Rut Balbis asume a dirección e interpretación, xunto a un equipo formado por Afonso Castro na iluminación e Janet Novás na axudantía de dirección.

“Que volvan as flores” é unha práctica sobre a creación de imaxes no momento. Por isto, a peza reconstrúese cada vez que se representa e a variación é unha característica constante.

Partindo do concepto do desapego ás accións e baixo a rutina no “refacer”, Rut Balbís enfróntase en cada exposición da peza a un momento diferente do que quere facer partícipe ao público. Por isto o proceso de creación e ensaio foi aberto ó público. A propia peza fala sobre o proceso de creación, construíndose ao mesmo tempo que se amosa.

En “Que volvan as flores” son 25 cadeiras as que dan volume ás imaxes que se van construíndo e desconstruíndo invitando ao espectador a encher coa súa mirada os ocos baleiros. Pisando Ovos propón para esta ocasión unha peza aberta e viva que se irá transformando a medida que pase o tempo.