Baltar e presidentes das Denominacións de Orixe vitivinícolas

A Deputación e os catro consellos reguladores colaborarán nos ámbitos da promoción, innovación e comercialización vitivinícola.

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse cos presidentes dos consellos reguladores das denominacións de orixe vitivinícolas da provincia de Ourense: Miguel Ángel Viso, do Ribeiro; Antonio Ángel Méndez, de Monterrei; Vicente Solarat, de Valdeorras, e José Manuel Rodríguez, de Ribeira Sacra, a quen propuxo establecer canles de colaboración en materia de promoción, innovación e comercialización “para este sector básico da economía da provincia de Ourense”, explicou Baltar.

Asemade, o presidente provincial presentoulles o convenio de mellora da competitividade e innovación das Pemes do sector vitivinícola da provincia de Ourense, cuxa a acción principal é a creación do portal web de comercialización para as adegas das catro D.O. ourensáns, “Enourense”.

Segundo informou o presidente do goberno provincial, a posta en marcha deste portal “irá acompañada de iniciativas de apoio ás pemes e de estratexias de innovación, ademais de realizar unha diagnose do sector e poñer a disposición das empresas unha plataforma de comercio electrónico e accións de promoción e asesoramento para mellorar a competitividade do sector”.

A realización deste proxecto é posible grazas ao acordo entre a Deputación de Ourense e o Ministerio de Industria, a través da Escola de Organización Industrial (EOI), e ten un orzamento de 100.000 euros “e servirá para que as adegas utilicen esta ferramenta para comercializar os produtos das catro denominacións de orixe de Ourense”, subliña Baltar.

O presidente provincial manterá os encontros cos presidentes das Denominacións de Orixe con carácter bimensual, “para que un sector tan importante e dinamizador da nosa economía saiba que segue a contar nas estratexias da Deputación de Ourense, tanto no que atinxe á modernización tecnolóxica dos consellos reguladores como a actividades vencelladas á promoción e comercialización coa colaboración do Inorde”, destaca o presidente provincial.

Para levar a cabo o proxecto “Enourense” realizarase previamente unha diagnose do sector, analizando as fortalezas, debilidades, ameazas e oportunidades das empresas, así como os municipios que van formar parte do programa. Isto irá acompañado de actuacións de sensibilización e captación de Pemes. Seguidamente realizaranse accións de difusión do proxecto e porase en marcha a plataforma de comercio electrónico “Enourense” para favorecer a competitividade e a promoción das catro D.O. e das Pemes ourensás do sector do viño, unha ferramenta tecnolóxica que lles permitirá comercializar seus produtos e sevizos en Internet.

A última fase do proxecto será a de asesoramento ás empresas. Estímase que serán unhas 80 pemes, coas que se elaborará un catálogo dos seus produtos e servizos para comercializalos a través de Internet.

[Fotografía de Alberte Paz]