José Luis Fernández, de Tapa Negra

O chef José Luis Fernández será o representante de Ourense na final do Premio Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia, que xunta por primeira vez o próximo 31 de marzo en Santiago aos gañadores dos concursos de tapas das sete cidades.

O cociñeiro acode á cita na Cidade da Cultura cunha proposta que evoca un camiño galego en outono. Fernández gañou a última edición do concurso Sabores de Outono cunha receita titulada Trisquel: biscoito de chocolate, shiitake, escuma de níscaros, saquiño de carrilleira no seu zume e queixo do país. Trátase da recreación dunha senda polo monte, rodeada de pedras, cogomelos e elementos vexetais, unha proposta ligada ao gusto do cociñeiro polo aspecto visual da cociña. O responsable do Tapa Negra formouse na escola de hostalería de Vilamarín e traballou en fogóns como os do Pazo San Damián (Amoeiro) e o Ruta Jacobea (Santiago de Compostela).

O evento
A cita reunirá sete pratos de pequeno tamaño saídos doutras tantas cociñas innovadoras. Os cociñeiros finalistas porán en práctica as súas receitas no transcurso dunha gala show cooking en directo na que se entregarán tres distincións: o Premio Mellor Cociñeiro De Tapas por Galicia, outorgado por un xurado de expertos do sector; o Especial do Público, decidido polos asistentes ao evento; e o Premio Especial As Tapas Estrella Galicia á creación que mellor combine coas cervexas da firma.

Ademais de Fernández, no certame participarán Moncho Bargo (Spoom, A Coruña); Álvaro Villasante (Paprica, Lugo); Lucía Freitas e Nacho Tierno (A Tafona Casa de Xantar, Santiago); Carles Lapuente, (La Contenta, Vigo); Gonzalo Pérez (Frank, Ferrol); e Rubén González e Sergio Orge (El Cafetín, Pontevedra)