Pachi Vázquez propón “cesar á directora do centro e poñer a alguén que fortaleza a demanda” de usuarios.

 

O deputado socialista Pachi Vázquez reclamoulle á Consellería de Traballo e Benestar “vontade e compromiso político” para potenciar a residencia de tempo libre de Carballiño e mantela aberta todo o ano. Así o dixo no debate dunha pregunta oral no Pleno do Parlamento sobre unhas instalacións que permanecen pechadas “3 ou 4 meses ao ano”.

Pachi Vázquez lembrou que os períodos de apertura destas instalacións, que levan funcionando mais de 55 anos, son cada vez menores dende a chegada de Feijóo ao goberno galego. A situación chega ao punto de que os preto de 30 traballadores e traballadoras son contratados como fixos discontinuos polos períodos de apertura do centro, o que “non lles da nin para ir ao paro”.

Logo de que a conselleira de Benestar aludira á falla de demanda para abrir a residencia, criticou que a dirección do centro “o único que fai é agardar a ver quen chama”, sen ningún tipo de iniciativa por potenciar a oferta. Por este motivo propúxolle á conselleira que “cese da directora do centro e poña a alguén que fortaleza a demanda”.

Reclamou o cumprimento do compromiso cos traballadores de manter aberta a residencia todo o ano, tal e como teñen afirmado dende o Concello, a Deputación e a propia Consellería, para finalmente ver cómo practicamente no mes de abril “aínda non sabemos cal vai ser o período de apertura deste ano”.

Pachi Vázquez reclamoulle ao goberno galego que aproveite as instalacións, “fundamentais para dinamizar a economía de toda a comarca” do Carballiño e que supoñen unha “oferta turística atractiva” nun momento de dificultade económica.