Reunión parque bombeiros da Limia

O Consorcio contra Incendios aprobou iniciar os trámites para a compra do vehículo “unha necesidade a prol da seguridade e protección da cidadanía, fundamentalmente no casco urbano de Xinzo de Limia”, afirma Manuel Baltar.

Baltar presidiu a sesión do pleno do Consorcio contra incendios e salvamento da Limia, reunión na que tamén participou o director xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia, Luis Menor, e os alcaldes e representantes dos concellos que engloban o consorcio.

Na xuntanza deuse conta da liquidación do orzamento de 2014 e da aprobación da conta xeral correspondente a dito exercicio. Ademais, acordouse iniciar o expediente para a compra dun camión-escaleira para o Parque de Bombeiros, “unha necesidade a prol da seguridade e protección contra incendios da cidadanía, fundamentalmente no casco urbano de Xinzo de Limia”, explicou Manuel Baltar. Dito investimento será asumido pola Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e os concellos que integran o Consorcio contra Incendios da Limia.

A Deputación de Ourense está a impulsar a coordinación dos consorcios dos parques de bombeiros da provincia para mellorar a súa xestión tanto administrativa como técnica e de intervención, a través da unificación deste entes no Consorcio Provincial de Incendios. Precisamente, en decembro pasado, a institución provincial celebrou a asamblea na que se aprobaron provisionalmente os estatutos do que será o Consorcio Provincial de Ourense para a prestación do servizo contra incendios e salvamento, que se constituirá proximamente.