Queda adiada ao venres 27 a decisión sobre o método de configuración da súa lista electoral.

Ourense en común celebrou na tarde do mércores unha Asemblea en común na que se tomou a decisión de non recoñecer a listaxe electoral que resultou escollida nas Primarias celebradas os pasados 14 e 15 de marzo. Esa lista estaba encabezada por Xosé Mosquera, de Compromiso por Galicia, seguido de Ana Bande (tamén de Compromiso), Martiño Xosé Vázquez, Ledicia Piñeiro (Esquerda Unida), Miguel Doval, Tania Bouzo (Anova) e Daniel Conde (Anova).

Nunha intensa reunión de debate político chegouse a esta decisión por votación maioritaria. Entre os argumentos expostos están que un proxecto municipalista ilusionante e que mereza a confianza da cidadanía non se pode sustentar nun proceso de primarias que non ofreceu as garantías necesarias.

O método co cal elaborar a nova listaxe será decidido na continuación da asemblea que terá lugar este venres 27.

Ourense en común asegura nun comunicado que se comprometeu a escoller mediante un proceso participativo as persoas que deberían representalos no concello de Ourense e que «non foi posible». «A partir de agora asúmese a responsabilidade de restituir a confianza da cidadanía dotándose de ferramentas que dean plenas garantías democráticas e atendan ao principio de transparencia para impedir calquer xeito de manipulación dos seus procesos participativos», remata a nota enviada aos medios.