Pleno marzo Deputación Ourense

No pleno deste venres aprobouse definitivamente o Plan de Obras, no que o goberno provincial inviste este ano máis de 12 millóns de euros para obras e servizos nos concellos da provincia.

 

O pleno da Deputación de Ourense aprobou as bases reguladoras do Programa de cooperación “BenOurense infancia” segundo o cal destinará este ano 200.000 euros para puntos de atención á primeira infancia na provincia de Ourense. As bases regulan as axudas deste programa, que teñen como obxectivo o mantemento das instalacións denominadas Puntos de Atención á Infancia (PAI), establecementos de carácter diúrno e de titularidade municipal situados en concellos de menos de 5.000 habitantes, que teñen como finalidade prestar apoio aos pais, titores e gardadores dos nenos e nenas de entre 3 meses e 3 anos.

As bases tamén contemplan axudas para o servizo complementario municipal que realiza funcións de atención e coidado, fóra da xornada ordinaria dos centros escolares, para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, actuando como soporte e apoio ás familias e contribuíndo así á conciliación da vida laboral e familiar.

Plan provincial de cooperación

Por outra banda, o pleno aprobou con carácter definitivo o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais 2015, no que o goberno provincial inviste este ano 12.147.000 euros para obras e servizos en todos os concellos da provincia. Pola súa banda, os concellos achegarán un total de 1,6 millóns de euros para a co-financiación do Plan Provincial, que inclúe obras municipais, melloras na rede viaria da Deputación e a atención a concellos en situación de insuficiencia financeira manifesta. En total o importe destinado no exercicio 2015 para o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e estradas (incluíndo o plan complementario) ascende a 13,8 millóns.

En canto ao orzamento destinado á rede viaria provincial increméntase nun 42 % con respecto do ano 2014 e ascende a 3,5 millóns de euros. Tamén se incrementan os fondos que a Deputación de Ourense destina a cada concello no Plan de Cooperación 2015, correspondendo a cada un deles un total de 50.000 euros, relación na que tamén se inclúe a Entidade Local Menor de Berán.

Tamén se deu conta no pleno do balance de datos económicos de 2014, no que destaca que a Deputación de Ourense presenta o maior remanente de tesourería da súa historia: 25.052.636 euros, e unha redución de máis de 70 puntos no endebedamento, que pasa do 116 % en 2011 a menos do 40 %, e coa estimación de sitúalo no rango do 34 % no vindeiro mes de maio, cando remate a lexislatura.

Na mesma sesión, acordouse delegar na Deputación o exercicio das competencias que o Concello de Montederramo ten  atribuídas en materia de materia de gastos derivados de execucións forzosas, e a xestión recadatoria de multas do Concello de Castro Caldelas.
No apartado de mocións, rexéitase a asignación dos Rexistros Civís aos Rexistradores da Propiedade e Mercantís,»por ser unha privatización encuberta dun servizo público esencial como é o Rexistro Civil».

Neste pleno de marzo, o grupo provincial do BNG decidiou abandonar á sesión polas «reiteradas burlas e comportamentos antidemocráticos proferidas polo deputado provincial e alcalde de Xinzo». Os nacionalistas din sentir «desamparo» por parte da Presidencia, a quen acusan de «pasividade».

[Fotografía de Alberte Paz]