Román Rodríguez e Manuel Baltar

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e mailo presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, asinaron un protocolo de colaboración para a posta en marcha de medio cento de intervencións de mellora en 46 colexios públicos de 36 concellos da provincia de Ourense, que supoñen un investimento de 848.000 euros ao longo deste ano.

 

Dito acordo ten como principal obxectivo coordinar as obras de reforma, ampliación e mellora (RAM) programadas pola Xunta de Galicia en centros de educación infantil, primaria e educación especial na provincia de Ourense coas actuacións de reparación, conservación e mantemento que son competencia municipal.

O conselleiro de Cultura e Educación salientou que o protocolo é “unha aposta das distintas administracións pola educación como piar básico da sociedade” xa que abonda na colaboración institucional entre concellos, Deputación e Xunta no que atinxe á conservación e mellora dos centros educativos. Román Rodríguez puxo en valor a importancia de “traballar por un fin común” como é o de lograr un ensino sostible e de calidade. Tamén agradeceu á Deputación de Ourense por facer posible este acordo, e as concellos de Ourense que se suman a esta iniciativa.

Reforma, ampliación e mellora
Ao abeiro deste convenio, a Consellería de Cultura e Educación levará a cabo obras de reforma, ampliación e mellora en 36 centros escolares de 30 concellos ourensáns, aos que se destina un orzamento de 424.000 euros. Trátase de actuacións como reparación de cubertas, reforma de fachadas, mellora de instalacións eléctricas, pavimento de pistas, eliminación de barreiras arquitectónicas, illamentos, ou caldeiras, entre outras.

Pola súa banda, a Deputación de Ourense destinará aos concellos outros 424.00 euros para acometer obras de reparación, conservación e mantemento en centros públicos con cargo ao Plan Provincial de Obras e Servizos 2015. Segundo a programación de obras, o órgano provincial actuará en 20 centros escolares de 16 concellos da provincia. Trátase de traballos tales como pintura, reparación de elementos de carpintería, limpeza de canalóns, arranxos de tellados ou reposición de cristais, e de zonas de xogo, entre outras.

Instalacións deportivas
As instalacións deportivas dos centros docentes que sexan obxecto de actuacións previstas neste protocolo poderán abrirse ao uso xeral da poboación fóra do horario lectivo para fins educativos, deportivos e culturais. Este feito poderá levarse a cabo sempre e cando que non se interfira na programación das actividades dos centros e que se garanta a súa correcta utilización.