Exposición de plantas carnívoras

Poderá visitarse ata o 3 de maio en horario de 10 a 20 horas todos os días excepto os luns.

 

Drosera, Pinguicula, Dionaea muscipola, Cephatlous follicularis… son algunhas das especies de plantas carnívoras que desde esta mañá se poderán visitar no parque de Montealegre, nunha exposición organizada pola Concellería de Medio Ambiente en colaboración con Ferrovial. A mostra conta con 333 plantas de 29 especies e sete familias diferentes, procedentes dos cinco continentes.

Son moitas as lendas que corren arredor destas plantas, aínda que soamente complementan a súa alimentación con pequenos insectos. A pesares da súa fama, son plantas inofensivas. Dado o seu hábitat de vida, sempre en lugares con moita auga, teñen deficiencias de nutrintes minerais, polo que necesitan dun aporte extra, xa que non os poden absorver do solo. O seu xeito de atrapar os insectos é totalmente pasivo. Modifican as súas follas formando trampas -como xarras- onde quedan atrapados, ou ben cúbrense de pelos adhesivos para que se peguen neles.