Terá lugar os días 8 e 9 de abril na Alameda. Un ciclo de obradoiros nos centros cívicos divulgará as claves na hixiene e a seguridade alimentaria.

 

A Concellería de Saúde de Ourense únese á celebración, o vindeiro día 7 de abril, do Día Mundial da Saúde, cun programa de actividades divulgativas e de sensibilización que se desenvolverán desde o día 7 ata o 24 de abril. Comezarán coa lectura do lema mundial: «A inocuidade dos alimentos», nun acto que terá lugar o propio día 7, ás 19:00 horas, no centro municipal José Angel Valente, e continuarán os días 8 e 9 coa edición número 12 do Paseo pola Saúde, a tradicional feira na que participarán unha trintena de asociacións do ámbito do benestar social e a saúde da cidade, colexios profesionais (fisioterapeutas, médicos e farmacéuticos), ademais da propia Concellería de Saúde.

A concelleira Marga Martín e a técnica Yolanda Colmenero presentaron en rolda de prensa estas actividades, que se complementan con obradoiros nos centros cívicos sobre as claves na hixiene e a seguridade alimentaria, un curso de manipulador de alimentos e unha Andaina o día 17 de abril.

O Paseo pola Saúde márcase como obxectivo promocionar o asociacionismo na área da saúde, poñer en valor o traballo que realizan as asociacións na cidade, fomentar o intercambio de experiencia entre estas, así como contribuír á información e formación da cidadanía sobre estes aspectos. Nos seus expositores, as asociacións divulgarán o labor que realizan na cidade e os servizos que prestan á cidadanía. Tamén se realizarán controis da tensión arterial, glucemias, peso, talla e audiometrías, entre outras probas.

As actividades continuarán cos obradoiros «5 Claves na hixiene e a seguridade alimentaria», que se desenvolverán no Centro Civico A Cuña o día 14 de abril de 18h a 19h, no Centro Municipal de Promoción da Saúde, o día 15, de 18.30 a 19.30, o Centro Civico A Ponte, o día 22, de 17h a 18h, o Centro Civico Colón, o 23, de 18h a 19h e no Centro Civico Seixalbo, o 24 de abril de 18h a 19h.

O curso de Manipulador de alimentos será o 16 de abril de 9.30h a 14.30h, no Centro Municipal de Promoción da Saúde. Neste caso é necesaria a inscrición previa. As actividades rematarán o 17 de abril coa “Andaina para todos/as”: Ruta do castro de Santomé, de 10h a 13h, con saída e chegada á Alameda.